CARLOS BLANCO

Actor, monologuista, guionista, presentador… Carlos Blanco (1959, Vilagarcía) vive un momento de éxito enchendo os teatros co seu espectáculo Menú da Noite xunto ao humorista gráfico Luis Davila. Un formato orixinal e novidoso que levou ata Londres e Edimburgo. Natural, simpático, sinxelo. Así é Carlos Blanco. E así conversamos con el sobre o seu traballo.

– Como foron os teus comezos na interpretación?
– É difícil resumir 30 anos… Eu nacín en Vilagarcía e cando era mozo creamos alí un grupo de teatro, Ítaca, e de aí saímos algúns actores profesionais como Manuel Millán, Tacho Somoza e eu. Alí empezamos un pouco de broma, por xogar, e ese foi o comezo. A partir de aí xa nos profesionalizamos, despois tiven un paréntese de 15 anos na radio, e volvín aos escenarios…

– De pequeno xa pensabas en converterte en actor?
– Non! Eu de pequeno quería ser Papa, pero non lle vin moita saída a ese traballo. Pero si, supoño que si, aínda que cando es mozo non sabes moi ben a qué queres dedicarte, vas probando cousas que che gustan… pero si, sempre me gustou.

– Comezaches no teatro, logo a radio e despois a televisión?
– Dende a radio pasei á televisión porque é cando nace a Radio e a Televisión de Galicia. Comecei nun programa concurso que se chamaba Saber e Xogar e foi o primeiro que fixen en televisión, tería eu 27 ou 28 anos.

– Moitos te recordamos no teu papel de Ladislao en Mareas Vivas… Que recordos tes do teu paso por esta serie da televisión galega?
– Hai moitos anos que convivín con aquel personaxe e cun gran elenco. Foi a primeira vez que tiven a sensación de éxito. Recordo un día que chegamos Miguel de Lira e eu a rodar a un acantilado de Laxe e de repente había centos de rapaces que nos rodearon o coche e eu pensaba Dios mío, somos os Back Street Boys! E foi un pouco iso, a primeira sensación. E, a partir de aí, disfrutamos moitísimo. Había un ambiente fantástico de traballo e a verdade é que o pasamos en grande. Parei porque levaba tres anos e decidín cambiar.

– No cine, traballaches en filmes como Heroina de Gerardo Herrero, Sé quien eres de Patricia Ferreira ou Cargo de Clive Gordon, entre outros…
– No cine comecei como consecuencia da televisión porque se non houbera Televisión de Galicia non habería cine en Galicia. E tiven a sorte de que me colleu o momento en que nace, por así dicilo, o audiovisual galego e eu xa estaba aí. Hoxe é moito máis complicado. Daquela aquí se rodaba bastante e viñan a rodar moito. Eu co cine teño unha relación de amor-odio porque realmente non tiven papeis grandes, case todos foron pequenos, quitando un papel bonito en Heroína de Gerardo Herrero, co que me deron un premio Mestre Mateo. Pero, os meus amigos bromean moito e din “sempre te matan no cine”, eu morrín moitas veces no cine e cando lles digo vou facer unha película xa me din “qué, te matan, non?”

Agora xa vou un pouco maior, pero nunca perdín a esperanza de que un día apareza un papel grande e poder presentar un traballo máis completo ao público.

– E tiveches un papel en Volver… como foi traballar con Pedro Almodóvar?
– Foi divertido porque imaxínate, chegas a Madrid e séntaste alí no despacho de Almodóvar e con Penélope Cruz ao teu lado, e facendo unha secuencia da película. A miña era unha secuencia pequena. Foi unha experiencia bonita a de rodar con Almodóvar. E sobre todo cando vas o día da estrea e ao teu lado está Penélope e ao outro Mathew McConaughey e despois está Carmen Maura… e pensas estou aquí coa primeira división! Cando ves unha película como é Volver, que é unha gran película para o meu gusto, unha das mellores que ten feito Almodóvar, e estar aí con ese cachiño, pensas pois eu tamén puxen aí o meu pedaziño.

– Es tamén creador de numerosos espectáculos, o último Menú da Noite, como é traballar cun debuxante como Davila e facelo de maneira simultánea sobre o escenario?
– Esta é a parte máis divertida, crear os teus propios espectáculos, poñelos en pé. A min é o que máis me gusta. O espectáculo hai que velo porque é difícil de explicar. Que eu saiba é algo que non se fixo nunca, polo menos eu non vin nada parecido. Eu vou contando as miñas historias e Luis vainas debuxando simultaneamente, é un traballo moi milimétrico, que nos levou máis dun ano de ensaios e preparación para Menú do Día e nove meses para este Menú da Noite. A cuestión é que quen debuxa vai moito máis lento que quen fala e temos que ir moi axustados no tempo porque tecnicamente é moi complicado. Estamos moi contentos porque con Menú do Día pasamos dos 50.000 espectadores, levámolo a Londres, a Edimburgo; e con Menú da Noite está ocorrendo o mesmo, estamos enchendo todos os teatros de Galicia. A resposta do público é marabillosa, cando terminas unha actuación empézanche a chegar mensaxes de gracias, qué ben o pasei… Creo que conseguimos darlle á comedia o que non tiña, que era unha cobertura visual ben poderosa.

– Que sentes cando ves os teatros cheos e ves que o público responde así?
– Esa é a sensación máis gratificante, a calquera creador lle pasa. Ti creas unha historia, escribes un poema, debuxas ou pintas un cadro… e logo ves que hai resposta, que acertaches, que o que ti calculabas quedou ben. E ás veces hai quen che di que isto me gustou menos e aí é onde intentas mellorar. Pero cando ti fas o cóctel, xa calculas que máis ou menos pode quedar ben, como cando cociñas un prato, de feito no espectáculo, en Menú da Noite, cociño literalmente en directo, fago caldo no escenario. Pero nunca sabes, calculas as cantidades e pos os ingredientes e é o público o que ten que dicir se está rico. Cando che di que está rico quedas moi contento, claro!

carlos_blanco01

– Rir relaxa, adelgaza, alonga a vida… (así o explicas na túa web) e ademais en Qwerty cremos que o humor é fundamental para afrontar o noso día a día, como de importante é o humor na túa vida?
– Imaxínate, se adelgaza, relaxa e alonga a vida, rir, para min, aínda que penso que para todos, é imprescindible. Me parece que era Chaplin que dicía que un día sen risa é un día perdido, e eu concordo con iso. Paréceme que unha das mellores cousas que che poden pasar na vida é rir e penso que nada nos fai tan felices como cando alguén que queres ri, cando ves rir a túa nai, cando ves feliz a un fillo… e xa se o provocas ti, imaxina! O público non sabe o guapo que está cando ri. É unha imaxe marabillosa ver rir diante de min a 400 persoas ou 1.500 persoas en Barcelona… e ver esas caras sorrindo; é unha imaxe moi moi bonita. Cando ao final ven -e pásame moitas veces- alguén que está con quimioterapia, por exemplo, e che da as gracias e a mellor frase que che poden dicir “había tempo que non ría tanto”. Por sorte, escóitoa moitas veces e síntome un tipo moi afortunado. Hai xente con moito talento que non puido desenvolvelo, que non tivo sorte e a vida non lle deu ese premio e eu tíveno, téñoo e agora o que procuro é disfrutalo, e prolongalo, saborealo e botarlle humor. E, sobre todo, ser capaz de rir cada un de si mesmo. Pero, a ver… como dicía o tío de Nadal: Nadal es muy bueno, pero solo le da golpes a una pelota… no descubrió la penicilina. Eu son consciente de que son un entretenedor, alguén que entretén, nada máis, só iso. A compensación é bestial.

– E isto é unha sorte, verdade, poder dedicarte a algo que realmente che gusta?
– Si, alguén dicía que se non podes traballar no que che gusta procura que che guste o teu traballo. No meu caso danse as dúas circunstancias, de que traballo no que me gusta e me gusta o meu traballo. Imaxino que calquera que teña un traballo que o faga apaixonadamente, calquera entenderá o que digo, que hai poucas cousas mellores na vida que traballar con paixón, nunca vas de mala gana a traballar, non teño xefe, o meu xefe son eu, e son moi libre…

– Como actor e director, cres que o sector da cultura está pasando por un bo momento?
– É un momento moi difícil, non só en Galicia, en toda España. É moi complicado, hai un retroceso en canto a investimento en cultura, hai un retroceso en consumo porque cambian as prioridades da xente -vas ao teatro se tes cubertas as túas necesidades primarias, primeiro é pagar a luz e a comida e a continuación o seguinte é poder gastar un diñeiro en ocio, en cultura, en comprar un libro, en ver unha función de teatro…-. A crise non é allea a isto, houbo un descenso no número de espectadores. Tampouco é alleo para nada o castigo que supón para o sector o IVE do 21%, de feito é o único país de Europa no que se paga esta barbaridade, é un castigo para o sector. Falar do sector cultural se tivésemos tres días ao mellor igual nos daba tempo (risas). No que a min respecta é certo que o humor é o mellor que sobrevive sempre nos tempos de crise porque é o máis imprescindible, pero a min gustaríame que ademais de que nos fose moi ben aos humoristas, fóselle moi ben aos bailaríns, que estivesen os teatros cheos para ver danza contemporánea de calidade, que estivesen os teatros cheos para ver obras dramáticas, e Cunqueiro… pero non é así, porque os recortes por onde primeiro chegan é por cultura e por aí chegaron.

– Cales son os teus proxectos de futuro?
– Eu son coma Cholo Simeone, vou partido a partido. O futuro é actuar mañá en Barcelona, ter tres días libres, volver, e continuar co espectáculo e así sucesivamente. Descansar no verán, se podo. Teño unha rodaxe pendente, pero aínda non está firmado o contrato. O meu proxecto de futuro fundamentalmente é traballar o menos que poda e nas cousas que máis me gusten. Eu che recomendo, se podes, traballar o menos que podas, pero no que che guste. Se consegues iso estarás contenta.

– Sempre rematamos con esta pregunta: que consello lles darías aos que están comezando neste mundo da interpretación e a todos aqueles que queren vivir do que lles máis lles gusta facer?
– Non son quen para dar ningún consello, pero si lle diría que isto conségueo quen máis o desexa, quen máis o pelexa, quen máis o traballa e quen máis sorte ten. Isto é así, a sorte é fundamental, pero hai que estar pelexando e desexalo moito. Hai que ser moi cabezón e telo moi claro. Non sería un consello e ademais non é nada orixinal, pero é que é así… En todo caso, a xente de agora teno moito máis complicado do que o tivemos nós, non é fácil, pero hai que intentalo, senón o intentas e quedas na casa esperando a que te chamen… malo!