HEXACÓPTERO: Unha perspectiva diferente

alicornio

Hexacóptero: unha perspectiva diferente

Dous enxeñeiros e aeromodelistas móstrannos o noso entorno dende outro punto de vista a través do seu proxecto Alicornio

Os seus coñecementos de aeromodelismo combinados coa enxeñaría levaron a Javier Cuenca e Manuel Beiro a desenvolver un hexacóptero. Semellante a un helicóptero en pequena escala o hexacóptero ten múltiples aplicacións. Tanto no sector da enxeñaría agrónoma como no sector audiovisual e comercial. Así o viron Javier e Manuel, promotores do proxecto Alicornio.

A través da súa empresa estes amantes do aeromodelismo móstrannos o que nos rodea dende outro punto de vista. O hexacóptero ofrece en alta calidade imaxes de eventos ou paisaxes dende unha perspectiva diferente.

A simple vista, estes drones semellan avións pequenos de aeromodelismo. Poden ademais voar con plena autonomía mediante programas informáticos. “Voan de forma autónoma grazas a un multirotor de 4, 6 ou 8 hélices e un chip estabilizador”, explica Manuel. Ademais dispoñen dun GPS e mediante o software axeitado é posible determinar unha ruta previa. Un emisor e receptor de vídeo inalámbrico permiten ver en tempo real o que se está filmando en todo momento.

Dependendo da utilidade o hexacóptero pode indicar diferentes parámetros en función do software empregado. Indica a calidade dunha masa forestal ou diferentes medicións útiles para a enxeñaría forestal ou para a agricultura. Se colocamos unha cámara fotográfica ou de vídeo, como fixeron Javier e Manuel, as posibilidades multiplícanse. Fotografía ou vídeo aéreo de uso comercial e publicitario ou ortofotos con información xeográfica. Son fotos dunha superficie na que todos os elementos presentan a mesma escala coa mesma validez dun plano cartográfico.

Malia que existen no mercado octocopters profesionais o seu custe é moi elevado. Estes mozos aplicaron os seus coñecementos e a súa experiencia no aeromodelismo para crear un hexacóptero propio coas mesmas prestacións que un profesional, aínda que con menor autonomía. “Compramos o material e as pezas necesarias en China e a partir de aí montamos o hexacóptero co que actualmente traballamos”, conta Manuel.

Os drones están de moda. Lonxe da súa utilidade para realizar envíos a domicilio como plantean dende a plataforma Amazon, o certo é que a súa potencialidade para o sector audiovisual é innegable. O gran reto ao que se enfronta a utilización desde tipo de drones non é tecnolóxico senón legal. Tal e como explica Manuel existe un “limbo legal” que fai que a utilización destes sistemas non estea regulada, cos conseguintes perigos que pode ter. “Estamos esperando unha lexislación específica para a utilización destes aparatos”, comenta.

www.alicornio.com