MIMADRIÑA · Palmira Castro

mimariña02

mimadriña Palmira Castro

Artesá, namorada da súa terra e creativa compulsiva. Así é Palmira Castro. A expresión Mimadriña dálle nome aos seus proxectos, todos eles cheos de altas doses de enerxía positiva. Palmira Castro é educadora social e artesá. Percorre Galicia da man da súa creatividade, con barquiñas de papel e cargada de historias. É de Sardiñeiro, en Fisterra, e estudou Historia e Educación Social en Santiago. Traballou como educadora social dende o ano 2004 con menores tutelados, en dinamización rural e alfabetización dixital: “algunha desas experiencias laborais foron xeniais e aprendín moitísimo, pero sempre fun unha rapaza que buscaba novas experiencias, así que fun cambiado de traballos ata que un día decidín que non me gustaba o que facía, que as cousas podían facerse doutro xeito e tiña ganas de probar como podían ser as cousas por min mesma”, explica Palmira.

Consciente do momento no que tomou a súa decisión, no ano 2011 lanzouse e creou o seu propio proxecto: Mimadriña. “Non son unha inconsciente, todo o contrario, son moi consciente de como é o mundo, do lixo que nos rodea, das inxustizas e de como somos como sociedade, de que non me gusta como se fan as cousas, por iso, tiña que intentar outra maneira”, explica. Como a maioría dos proxectos propios, Mimadriña comezou paseniño: “ao principio para poder saír adiante traballei nunha zapatería durante meses e co tempo todo empezou a marchar e agora traballo máis do 100% do tempo neste proxecto, e vou indo e vai medrando e penso que si é posible mudar as cousas, claro que podemos!”, conta.

O seu proxecto naceu en forma de blog en Internet. Nel, Palmira publica todo aquilo no que cre: “creatividade, as cousas pequenas, os lugares pequenos, as historias pequenas… pero cun fío condutor, unha barquiña de papel. Co tempo dinme conta que era un proceso artístico e educativo ao mesmo tempo”.

mimadriña Palmira Castro

Comezou a dar a coñecer os seus proxectos, as súas barquiñas e cadros de origami cheos de historias e axiña empezaron tamén as colaboracións e as oportunidades de novos traballos: proxectos educativos, obradoiros artísticos, campamentos infantís… “A xente viu o meu lado educativo e social, o que podía aportar e tiña experiencia, moita como profesional educativa, pero ademais sumaba algo, a visión creativa e artística, e quizais moito atrevemento. Así foi sucedendo e vai sucedendo, encántanme os luns, por que penso, que aventuras me sairán esta semana? Sempre saen aventuras novas”, explica.

A artesá e creadora conta que Mimadriña “no fondo é iso, unha proposta de autemprego, unha proposta cultural, educativa e social que nace dunha experiencia vital de crecemento, ademais sempre fun “espírito de contradición”, como di miña avoa, e canto máis a pique vai o país ou a xente di que imos a peor, eu esfórzome por saír a flote e sorrir, a pesar do traballo e do suicida que é ser autónoma neste país”.

Palmira mestura no seu proxecto a obra plástica e artística e a educación social: “por un lado están os cadros Mimadriña e todo o que poida xurdir arredor do origami e a papiroflexia que é unha ferramenta moi potente a nivel visual. Despois está o lado educativo e social, o meu modo de facer educación, obradoiros e proxectos educativos innovadores non so polo contido, senón polo proceso, por como os penso e os desenvolvo, cada proxecto é diferente, non me gusta repetir… Gústame facer as cousas doutra maneira, para iso fixen Mimadriña, e non para reproducir fórmulas que xa existen”, explica.

“xente pequena en lugares pequenos, facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo”

Con ela quixemos falar tamén do momento actual e do estado da educación. Asegura que a situación que estamos a vivir é produto do que levamos vivido como sociedade ata agora: “fanse as cousas mal, sen sentido, sen planificación inicial e posterior, fanse as cousas por facer, o diñeiro márcao todo e define os proxectos. Levamos moito tempo facendo as cousas sen sentidiño pero tamén hai esperanza e en Galicia temos xente moi crac que defende as cousas, un tecido creativo e cultural moi forte en canto a valor e agallas que está a facer cousas moi interesantes e que aposta por lemas tan potentes como “xente pequena en lugares pequenos, facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo” e niso estamos” conta.

Cando fala, Palmira desborda ilusión e as súas ganas de crear son tan grandes como o é o seu sentimento de optimismo cara ao futuro: “e o futuro? pois non penso nel”, explica Palmira, “sei que o futuro é posible se nos poñemos mans a obra, perdemos o medo ao que pode pasar e tentamos de facelo nós coas nosas propias mans, será duro, seguramente que si, pero é xenial poder ver día a día como as cousas mudan”.

Os seus proxectos educativos e creativos acumúlanse no seu blog acompañados de moitas fotografías nas que se respira a súa terra, Sardiñeiro, e a Coste da Morte. Máis de 11.000 barquiñas de papel xa saíron do seu taller e esta traballadora infatigable continuará amosando a súa maneira de ver o mundo, as súas cores e todos as ideas e soños que aínda lle quedan por cumprir.

mimadrinha.com

mimadriña Palmira Castro