XANECO TUBÍO · ARTESÁN DE INSTRUMENTOS

XANECO TUBÍO – ARTESÁN DE INSTRUMENTOS

Dende o seu obradoiro en San Fiz de Paz, en Outeiro de Rei, Xaneco Tubío constrúe instrumentos de música tradicional. Alí traballa dende o ano 2010 xunto á súa irmá, creando instrumentos de produción limitada, de alta calidade e completamente artesanais. Nos anos 80 do século pasado entra no mundo da música tradicional e decide facer o seu propio tambor: “buscaba mellorar aqueles tambores que chegaban ás miñas mans, non me gustaban cómo soaban e quería experimentar e ver se eu podía conseguir un instrumento que me satisfacera para tocalo”, explica Xaneco. Xa coñecía as madeiras e tamén as ferramentas: “son fillo dun artesán carpinteiro que me aprendeu o oficio”, así que axiña construíu o primeiro dos moitos tambores que virían despois. “Un amigo encargoume que lle fixera un e así, sen darme conta e sen pretender ser artesán, fun facendo instrumentos e comecei cun listado de encargas”, recorda.

De maneira totalmente autodidacta Xaneco Tubío comeza a crear instrumentos ata que un día decide apostar por ese xeito de gañarse a vida: “naquel momento vivir dunha actividade relacionada coa cultura galega era case imposible. Se aínda hoxe a cultura galega ten moitas eivas de visualización daquela era moito máis, practicamente era un hobby, apenas había xente que vivira de dar clases. Eu, de feito, na percusión son totalmente autodidacta, daquela non había ninguén que che ensinara a tocar o tambor, aprendías por ver cómo tocaban outros e escoitando moito, e o facer instrumentos foi similar”, conta, “entón dixen: por que unha actividade tan importante na cultura como é a música tradicional e unha expresión artística que é a nosa música –a segunda en importancia despois do idioma- por que non vai a ser un medio de vida? E foi o que me levou e motivou a aventurarme a vivir facendo instrumentos”, engade.

Dende os seus comezos na artesanía e na música tradicional ata a actualidade mudou o sector, pero tamén a sociedade e o xeito de mercar os instrumentos: “cando comecei había todo un ritual á hora de ir mercar un instrumento. Os grupos que viñan e a xente que viña chamábate previamente, case sempre ía comer con eles, tocabamos unhas pezas no taller… Non era soamente vir a encargar un instrumento, era unha relación de compañeirismo”, apunta Xaneco, “iso cambiou moito. Antes dicíanme faime un tambor e que soe ben, confiando plenamente no criterio do artesán, e hoxe en día, tes que ter instrumentos feitos, veñen a probalos, case sempre os queren personalizados, e por outro lado, xente que non coñeces de nada e que vía Facebook ou incluso Whatsapp, che fan o encargo”, explica.

Mudou o xeito de mercar e tamén a relación entre os propios artesáns: “a miña xeración fomos os que iniciamos un contacto entre nós, organizamos a feira de artesáns de instrumentos, xuntámonos dende hai moitos anos, compartimos proveedores e experiencias no taller e estamos tratando de facer gremio”, conta.

Obradoiro artesán e rural

Vivir no rural e ser artesán é posible. É unha forma de vida e con valor engadido. Así o explica Xaneco Tubío: “no ano 2010 decidín ir a vivir á aldea e rehabilitei un conxunto arquitectónico tradicional, unha casa e dous alpendres. Montei o taller coa idea de que é posible vivir no rural e que a artesanía é unha forma de vida, unha forma de traballar respectuosa co medio ambiente e, ao mesmo tempo, xera riqueza”.

A forma e o enfoque do seu traballo é 100% artesanal. Crea pezas de produción limitada, e moi alta calidade, “esa é miña filosofía do obradoiro. Facer un instrumento comeza en ir a buscar a madeira, teño provedores e serradoiros tradicionais, de Lugo, na medida do posible merco todo o que podo no meu entorno e na miña comarca, e a inmensa maioría das madeiras que utilizo son autóctonas”, conta. “Eu serro a madeira á miña maneira, cúroa na casa de xeito natural no secadoiro e despois xa corto e serro nun pequeno taller de carpintería”, apunta o artesán, “as madeiras teñen un proceso de curación, primeiro fóra e logo no taller, de mínimo cinco anos e a partir de aí é cando empezo a empregar a madeira”. Un proceso longo e sen a utilización de ningún tipo de proceso mecanizado: “a idea é seguir facendo os instrumentos con moita man de obra, o cal se nota no resultado final”, explica Xaneco, “un instrumento que en aparencia pode parecerse a calquera outro, pero que ten moitas horas detrás, moita manufactura artesanal”.

Dende o seu obradoiro este artesán busca poñer en valor a música tradicional: “a miña teima é que haxa un instrumento dunha calidade superior, que compras e que che dura toda a vida e incluso que che sobrevive e ao mesmo tempo, non só esteticamente, senón tamén en calidade acústica e sonora, se poda poñer ao lado que calquera outro instrumento clásico”, engade.

As pezas que saen do seu obradoiro son únicas e exclusivas. “Fago dende percusión tradicional, como tambor e bombo, pandeiretas, pandeiras, pandeiros, tarrañolas, castañolas, charrasco… ata réplicas doutro tipo de tambores doutras culturas, e tamén zanfonas. Así como na percusión son totalmente autodidacta, nas zanfonas si que fixen un curso –un dos últimos cursos que deron no obradoiro da Deputación de Lugo no ano 1995- e tamén fun xunto a Xermán Arias a Sarria a facer a miña primeira zanfona e a partires de aí saquei o meu modelo, investiguei zanfonas antigas e fixen algunha reconstrución e recreación”, conta o artesán.

Xaneco Tubío continúa creando e deseñando os seus instrumentos, actualizando os canais de venta, dende o ano pasado pódense adquirir os seus instrumentos a través da rede, na súa páxina web, e tamén segue a investigar e estudar instrumentos. Unha das máximas do obradoiro é “facer instrumentos que os músicos do século XXI podan usar, que cubran todas as necesidades que teñan á hora de facer música, pero sempre mirando aos instrumentos que nós tiñamos, respectando as nosas orixes”. Ademais o artesán busca promover e difundir a cultura musical galega: “o proxecto do obradoiro, aínda sen rematar”, explica, “contempla unha parte de exposición e venta de instrumentos e tamén unha parte de exposición didáctica, non só dos instrumentos que eu fago, senón tamén da historia da música”, engade.

Fotografía: Carmen PG Granxeiro

Fotografía: Carmen PG Granxeiro