Catro gotas son catro profesionais que deron forma a un proxecto de meteoroloxía diferente e innovador. No ano 2013 Beatriz Hervella, Carlos. F. Balseiro, Eduardo Penabad e Pablo Carracedo deciden xuntarse e crear a súa propia empresa: 4gotas atmosfera e océano. Na actualidade, son Beatriz Hervella e Carlos F. Balseiro os que continúan á fronte do proxecto. “Queriamos innovar tanto en forma como en fondo, fusionando, ademais, a nosa experiencia en centros meteorolóxicos coa que tiñamos en medios de comunicación”, explica Carlos F. Balseiro. Apostan por ofrecer a través da súa páxina web, información útil e práctica, ademais de personalizada, “pero tamén queriamos que fose entretida, próxima, suxestiva e creativa”, conta, “para facelo, sempre tivemos claro que habería que expandir o campo de traballo ao que estabamos habituados achegando a meteoroloxía e a oceanografía a outras disciplinas”, engade.
Pero 4gotas non é unha web na que soamente consultar o tempo. Na sección En 10 segundos podemos acceder aos titulares do tempo en imaxes, tamén “descubrir como o tempo condiciona a túa saúde a través dos prognósticos biometeorolóxicos cun horizonte de 8 días en todos os concellos de España ou incluso programar gratuitamente alertas que che axudarán a personalizar ao máximo as túas necesidades”, explica Beatriz Hervella. Ademais de consultar unha axenda de eventos con prognóstico meteorolóxico asociado a cada un deles, é posible contratar a predición para un día e un lugar concreto con 14 días de antelación.
“Apostamos pola proximidade, a responsabilidade e a personalización contando coa axuda das redes sociais e do Ascensor, o mellor lugar para falar do tempo”, explica Beatriz, “ademais de acceder ao prognóstico meteorolóxico en calquera lugar do mundo ou marítimo no Atlántico, enviando un tuitgeorreferenciado co hashtag #4gotas, este aparecerá no mapa correspondente, accesible a todos os usuarios, confirmando ou non os nosos prognósticos”.
Dende 4gotas apostan tamén pola divulgación, fomentando o interese pola meteoroloxía. A través do seu videoblog, Beatriz Hervella fala, por exemplo, de meteoroloxía espacial ou de xeoenxeñería, mestura meteoroloxía con outras disciplinas como a literatura de terror, a antropoloxía, a sexualidade ou a gastronomía, e analiza e explica todo tipo de curiosidades como por exemplo, cal é o día de máis nacementos do ano e que ten que ver a meteoroloxía niso.
Whatoweather: unha app que mestura moda con meteoroloxía
4gotas atmosfera e océano suministra información a medios de comunicación e tamén exerce labores de asesoría ambiental. Desenvolven proxectos concretos para empresas privadas e proxectos de investigación en colaboración con administracións públicas. Dende 4gotas desenvolveron ademais dúas aplicacións innovadoras. Mesturaron a meteoroloxía coa moda en Whatoweather: “é a nosa app gratuíta, dispoñible para iOs e Android, que ofrece previsión meteorolóxica en calquera lugar do mundo a tres días vista incorporando, ademais, un conxunto estiloso de roupa de muller adecuado para o tempo que vaia a facer. Ofrece, ademais, a listaxe de pezas que compón cada conxunto para que, clicando sobre elas, poidas compralas na súa tenda online”, explica Beatriz Hervella.
4gotas.com é información útil, práctica e personalizada
Tamén acertaron co desenvolvemento dunha aplicación vinculando a meteoroloxía e as praias galegas con AQuePlayadispoñible, a aplicación que lanzaron este verán: “sirve para realizar a procura da praia ideal máis próxima previa introdución por parte do usuario de determinados filtros como o estado do ceo desexado, a temperatura do aire, a intensidade do vento, a ondada, a dispoñibilidade de duchas, chiringuito ou aparcadoiro, tipos de acceso, etc.”, explica Carlos F. Balseiro, “o usuario tamén poderá decidir os quilómetros que está disposto a facer para atopar a praia galega dos seus soños relaxando ou limitando a distancia de procura. O ano que vén incorporaremos o resto de praias españolas e portuguesas”, apunta.
Co afán de achegar a meteoroloxía á cidadanía e explorando toda a súa creatividade, os creadores de 4gotas xa están traballando nunha nova sección: A Fábrica Meteorolóxica, “un módulo que ao longo do próximo ano irá presentando máis e máis funcionalidades gratuítas para o usuario”, explica Carlos. “Na web pretendemos mellorar a calidade dos prognósticos, incorporaremos predicións de probabilidade de choiva e algún outro aspecto máis novidoso. Na sección de aplicacións, estamos a desenvolver unha máis que verá a luz antes de fin de ano”, conta.
O emprendemento é para eles unha forma de poder “desenvolver toda nosa creatividade implicándonos ao máximo en proxectos que nos ilusionan e nos que cremos firmemente”, explica Beatriz. No lado oposto da balanza está a conciliación: “resulta difícil manter un equilibrio en tódalas facetas da túa vida porque emprender, se non te controlas, pódeche absorver o 150% do teu tempo”, apunta Carlos.