Socorro Suárez e Lois Dopico cultivan arándanos nas Pontes, un froito pouco coñecido en Galicia, pero moi valorado noutros países europeos
Queren vivir da agricultura, dunha agricultura sostible e profesionalizada. Socorro Suárez e Lois Dopico crearon a empresa Arándanos da Terra, principalmente para “poñer en valor as terras ociosas” e dinamizar o medio rural. Son peritos agrícolas e comezaron a súa explotación co fin de buscar un complemento para a economía familiar: “comezamos pensando en obter un salario digno para vivir unha familia”, explica Socorro.
Con estas premisas iniciaron no ano 2012 a preparación do terreo en Marraxón, nas Pontes. Foi despois de asistir a unhas xornadas en Asturias, recorda Socorro: “fomos a unhas xornadas de dinamización do agro onde se presentaban novas alternativas. Coñecín o tema, o ciclo do arándano, e o feito de non ter competencia aquí en Galicia foi o que nos levou a arrancar”. Unha vez que se especializaron no traballo e na colleita do froito souberon que necesitaban un volume moi elevado para iniciarse na súa produción. Coñeceron entón a Miguel Mato, xerente da empresa Horticina e impulsor do proxecto: “tiñamos que plantar como mínimo 14 hectáreas, por iso traballamos conxuntamente con Miguel Mato, para poder comercializar o produto”. Arándanos da Terra uniuse así ao proxecto de Horticina, en Cerdido, a primeira produtora a gran escala de arándanos en Galicia.
En Marraxón plantaron 2 hectáreas de terreo e esperan ampliar a unha terceira. “Primeiro tivemos que facer o laboreo da terra e o acaballonado. Logo cubrimos con lona e fixemos o oco para cada planta e así poder instalar o sistema de rego”, explica Lois. Despois da plantación viñeron as labores de mantemento e o abonado, que se fai, explican, durante a primavera: “é un proceso que temos mecanizado, está programado segundo a necesidade da planta”, conta Socorro, “o abono é ecolóxico”, engade. Os meses de inverno dedícanos ao mantemento do terreo e á poda das plantas: “podamos agora porque non queremos producir, queremos facer a primeira recolleita o próximo ano, no 2016”, explica.
Cóntanos Socorro que os arándanos precisan un solo ácido e 700 horas de frío, “basicamente acidez e humidade”, condicións que reúne o terreo de Marraxón. Teñen previsto recoller catro quilos e medio por planta en período de máxima produción, “entre 12.000 e 14.000 quilos por hectárea”. Plantaron catro variedades de arándanos diferentes, “unha variedade máis temperá e outra tardía”, de xeito que comezarían a recoller no mes de xullo e rematarían a finais de setembro, evitando así coincidir coa época de produción do froito noutros puntos, como pode ser o sur de España, explica Socorro.
Os froitos recollidos irán destinados ao mercado europeo, sobre todo Reino Unido, e serán para “consumo fresco e para marmeladas”. Traballarán cunha comercializadora externa e durante os meses da recolección estiman que precisarán entre catro e cinco persoas por hectárea, “calculamos que isto será a partir do quinto ano”, apunta Lois.
Arándanos da Terra uniuse ao proxecto de Horticina para comercializar a produción
Horticina, a empresa instalada na Barqueira, en Cerdido, e impulsada por Miguel Mato, encara tamén a última fase da plantación de arándanos. Fundada nun primeiro momento co fin de producir flor de camelia para o mercado maiorista, a empresa decidiu dar un xiro e apostar polo cultivo de arándanos. A finais de 2015, cunha superficie de cultivo de 72 hectáreas, será a maior plantación do norte de España e converterase na primeira gran produtora deste froito en Galicia.
A primeira campaña de recolección está prevista para o verán de 2016. Ata o quinto ano a previsión de Horticina é acadar o millón de quilos de froitos recollidos.