BICO DE XEADO

Xeados elaborados artesanalmente con leite 100% natural producida na Granxa O Cancelo e mesturada con froita e produtos de proximidade. É a carta de presentación de Bico de Xeado. Unha iniciativa posta en marcha pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. O proxecto xorde despois de que a Cooperativa puxese a funcionar a Granxa O Cancelo en Miño: “dende a Cooperativa facemos todo tipo de servizos de asesoramento técnico e económico a explotacións lácteas de Galicia, sobre todo da provincia da Coruña”, explica o seu xerente Jesús Otero.

“No ano 2009 alugamos esta granxa para que nos servira de referencia e todo o que nós recomendábamos probalo alí, demostrando así que se podían facer as cousas doutra forma”, recorda Jesús. Un ano máis tarde comezaron a producir leite, coincidindo cunha importante crise no sector lácteo. Dende os comezos, decidiron facer novas apostas e transformacións. A primeira delas foi poñer en marcha varias máquinas expendedoras de leite e ofrecer un produto fresco e natural: “o resultado non foi o esperado porque o mercado naquel momento non estaba preparado para ese produto, nin por prezo, nin pola súa frescura, e hoxe en día tamén hai unha tendencia de que o leite se quere á carta”, explica Otero, “un produto natural 100% non era a mellor ferramenta para adaptarse ao mercado”.

Despois desta experiencia no ano 2010 buscaron unha alternativa para diferenciarse no mercado e crearon Bico de Xeado: “o proxecto nace con tres premisas fundamentais: o principal ingrediente dos nosos xeados é o leite que nós producimos, empregamos ingredientes de primeira calidade e o proceso é un proceso totalmente artesanal”, conta o xerente, “buscamos o sabor auténtico do xeado”.

Esa autenticidade marca a diferenza deste produto. Ademais do sabor único e exclusivo do leite producido na súa granxa, buscan as mellores materias primas para  chegar ao consumidor. “Vemos que o xeado sorprende”, apunta Jesús Otero, “o que destaca o noso cliente é a súa cremosidade e o seu sabor auténtico. Sorprende que un xeado de fresa saiba a fresa ou de plátano que saiba a plátano”.

Xeados naturais, artesanais e producidos con 100% ecolóxica
dende a Granxa O Cancelo en Miño

Hai dous anos decidiron abrir a súa primeira tenda na Coruña. “Queriamos comprobar se o noso produto estaba á altura do mercado e fomos a unha das cidades con máis cultura xeadeira, como é A Coruña”, explica, “a experiencia foi moi boa e a resposta do público tamén, así que decidimos seguir abrindo en distintos puntos de Galicia”. Hoxe Bico de Xeado está presente ademais de na Coruña, en Santiago, Betanzos, Lugo, Pontevedra, Baiona e Ourense. Os xeados Bico de Xeado tamén están nun tenda propia en Madrid.  “Ademais temos unha food truck e un contedor adaptado coma se fose unha tenda -agora instalado en Marineda City- e dous carriños tradicionais, un no Centro Comercial As Termas e outro que vai de feira en feira”, engade Otero.

A apertura de novos puntos de venda foi acompañada dun crecemento continuado da produción: “no ano que abrimos a primeira tenda triplicamos a produción e o ano pasado volvemos a triplicar superando os 100.000 litros de xeado producido”, apunta.

Jesús Otero incide en que a súa aposta se centra en aportar valor ao sector lácteo e “demostrar que se poden facer as cousas diferentes e de calidade co leite”, explica “non é unha solución para o sector lácteo galego, pero si son iniciativas que teñen nicho de mercado e que poden seguir adiante. Evidentemente hai que buscar outras formas de defender o sistema lácteo galego e de valorizalo, pero estas iniciativas tamén hai que coidalas e potencialas”, destaca.

Recén estreada a súa tenda en Ourense, dende Bico de Xeado buscan seguir abrindo puntos de venta e colaboracións tanto en Galicia coma fóra da comunidade: “e sobre todo aprender deste proceso de busca de colaboradores e ver cómo funcionan antes de seguir crecendo nesa liña”, conclúe Jesús Otero.