DAVIDE SALVADO

A súa voz reflicte unha forma de vida. De entender a tradición. De sentir a música. Davide Salvado (Marín, 1981) leva toda a súa vida vinculado ás artes escénicas e á música tradicional. “Xa de pequeno me gustaba cantar e escoitaba música e a interpretaba coa miña avoa”, conta Davide, “á miña familia lle gustaba moito cantar e animábanme”. Comezou a formarse no Conservatorio Folque de Lalín, o mesmo no que naceu o seu primeiro grupo Ecléctica Ensemble, xunto a Uxía Pedreira: “mesturabamos as músicas tradicionais con ritmos e xeitos de cantar diferentes, todo mesturado con músicas electrónicas”, explica. Uniuse despois á banda de Xosé Manuel Budiño e dende entón non deixou de crear música con “xéneros diversos, pero sempre con melodías e con cantigas tradicionais, que é o que me interesa”, explica Davide.

Xunto ao teatro e ao cabaré a traxectoria de Davide sempre estivo vinculada á música tradicional. A súa é unha forma única de cantar e de expresarse. Malia as etiquetas de innovador e rupturista, el confesa que fai “música tradicional como a sinto eu”, explica “a miña realidade é distinta á de calquera outra persoa. E a miña realidade me leva a interpretar a música como eu a interpreto, pero non o fago por provocación. O meu tipo de música e o meu tipo de canto é moi verdadeiro, é o que me sae, non rebusco nada, nin intento ser o máis moderno, nin o máis tradicional… é o que me sae”, engade Salvado.

De pequeno observaba con curiosidade as formas de vivir dos pobos antigos, as tribos africanas e a súa música a través dos documentais que vía por televisión: “me interesaba moito a antropoloxía, vía a música que facían por exemplo, en África e encantábame”. Cando descubriu que en Galicia tamén se facía ese tipo de música comezou a investigar. “Viaxei ás aldeas para coñecer a xente, empezar a tocar, aprender e apasionarme por este mundo”, recorda Davide. “Quería coñecer cómo era cada sitio e cómo era a xente, incluso me quedaba varios días con eles para aprender non só a música, senón un xeito de sentir, de vivir… e para poder chegar a esa interpretación que é o que me interesa”, apunta. “Gústanme as músicas de todo mundo”, asegura o músico, “especialmente a galega porque a sinto como miña, pero etnograficamente me pode interesar un canto de calquera lugar”.

Precisamente o seu xeito de traballar fai que a súa música sexa especial: “o que me interesa é transmitir iso que me pasa a min cando escoito unha vella, esa emoción, para min é o que eu estudo, no que eu me empeño máis, en emocionar, máis que en facer un tipo de música”, explica. “Como galego síntome responsable da miña terra e da miña cultura e fago a música que fago porque me tocou ser galego e estou feliz, porque este país é riquísimo, aínda despois de tanto maltrato á cultura por parte das institucións”, recalca. Davide Salvado laméntase da “triste e dramática realidade” da música nas aldeas: “non hai música tradicional nas aldeas dunha maneira real. A música que hai nas aldeas son as orquestras”.

Como coñecedor desta realidade, Davide fala da riqueza cultural que existe en Galicia e do pouco valorada que está: “hai moitos grupos e moitas propostas musicais de todo tipo, boas, malas e regulares, hai moitísimo onde elixir, pero tamén penso que non hai suficiente apoio, non hai industria”, conta, “á xente cústalle pagar pola cultura e iso si que debería mudar. Hai que pagar os espectáculos que vas a ver, e se é da terra e do país, hai que valoralo un pouco máis”, engade. O músico pontevedrés avoga ademais por un cambio na sociedade: “debemos traballar porque se valore máis o noso. Non só falo da música, falo da cultura, de todo, que se valoren as cousas nosas, propias. Iso é o que vexo que está un pouco en perigo en Galicia, pero por música e por proxectos, porque somos dos países con máis propostas musicais de todo tipo en galego”, destaca. Ademais incide en que é unha responsabilidade colectiva: “somos nós os que temos que cambiar as cousas, a forma de vivir, o que consumes, cómo o consumes, onde o consumes… iso depende de cada un de nós e penso que debemos ser responsables coa nosa cultura”.

Davide Salvado, aínda saboreando as boas críticas do seu último traballo Lobos, xa está a traballar nun novo disco. Ademais saca adiante o proxecto Casa do Río, en Palas de Rei, “un lugar no que se pode comer comida vexetariana e asistir a cursos diversos, relacionados co mundo da cultura e os cabalos”, explica.