Unhas voces estupendas e grandes doses de humor. Son De Vacas, o grupo musical formado por Inés Salvado, Faia Díaz, Guillerme Fernández e Paula Romero. Foi unha conversa espontánea sobre as Spice Girls o punto de orixe de De Vacas. “No verán de 2014 Faia, Inés e eu –explica Paula- falabamos sobre o moito que nos gustaban as Spice Girls na nosa infancia. Non nos estrañou en absoluto o coñecemento dese fanatismo común, o que si nos sorprendeu foi que vinte anos despois seguiamos coñecendo a orde dos temas do disco, os títulos, as coreografías e tódalas letras que aprenderamos no seu tempo en perfecto “guachinein”, conta, “pensamos en que había que facer algo con todo ese material”. O seu primeiro impulso foi “dignificar as músicas das Spice Girls e despois chegou a cordura con Guille que propuxo ampliar esa idea e versionar tamén outras músicas”, explica Paula.
Paula, Inés e Faia coñecéronse no Coro da Rá en Santiago de Compostela: “Guille era tamén amigo noso e coñecido por todas por ser un gran músico do país”, conta Paula. A pesar de que De Vacas ocupa gran parte do seu tempo os catro compaxinan o grupo con outros proxectos persoais e musicais. As tres cantan no Coro Encaixe e Guillerme forma parte da banda de Guadi Galego.
Séntense totalmente identificadas coas vacas, ás que consideran símbolo da cultura galega. “Como dicía Castelao, o “día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida”, apunta Inés.
O cuarteto musical, composto por unha guitarra e tres voces, versiona temas das Spice Girls, Enrique Iglesias ou Michel Teló, entre outros
Hai quen fala de De Vacas como grupo agro-pop, pero eles, lonxe das etiquetas, defínense como un “grupo de vacas caralleiras que queren cantar e tocar o que lles apetece”. Algo que se aprecia en cada un dos seus concertos: “o certo é que o pasamos moi ben nos concertos”, aseguran, “porque facemos o que nos gusta, resúltanos realmente divertido e percibimos que somos quen de transmitirllo ao público. Non faltan momentos durante o espectáculo nos que temos que facer esforzos por aguantar as risas e a compostura, polas ocorrencias dalgunha de nós ou pola propia dinámica das cancións”.
Un dos seus éxitos en internet foi a versión de Gangnam Style. Nos seus concertos tamén podemos escoitar temas de Beyoncé cantados a ritmo de muiñeira ou a coñecida canción De noche y de día, de Enrique Iglesias, así como Hombres, de Eva Santamaría, que representou a España en Eurovisión no ano 1993. “A idea é facer versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia, temazos que marcaron as tardes de bailes na discoteca”, explica Inés, “non queremos renegar desa realidade, é máis, queremos compartila”.
“Somos un grupo de vacas caralleiras que queren cantar e tocar o que lles apetece”
Son divertidas, creativas e cercanas. Empregan as redes sociais para amosar o seu traballo: “as redes permiten o contacto coa xente máis cercana, a da nosa contorna, pero tamén fai posible que nos acheguemos a grande cantidade de público potencial”, conta Guillerme, “ademais, produce sensación de cercanía ao posibilitar o contacto case persoal”. A súa frescura abriulles un oco no panorama musical en Galicia: “é difícil facerse ver no mar de propostas existente na actualidade”, explica Guillerme, “hai moita oferta de calidade, e non sempre se corresponde coa demanda do público, case sempre polas dificultades dos proxectos para darse a coñecer”. Aseguran que hoxe en día hai moito talento e calidade musical, pero tamén moita precariedade económica. “É moi difícil que os músicos poidan vivir dignamente do seu traballo, non se valora nin fomenta a creatividade, ao contrario, parece que existe un interese en limitar a diversidade e identidade creativa”, apunta Guillerme, “pasa o mesmo noutros moitos sectores e, a pesar diso, a cultura móvese e crece constantemente”.
Por diante teñen meses intensos de traballo e entre os proxectos a curto prazo o obxectivo é, responde Faia con humor, “facer temas propios e que os versione Enrique Iglesias”.