DOCE ESTRELAS MICHELIN EN GALICIA

DOCE ESTRELAS MICHELIN EN GALICIA

Galicia é referente na alta cociña e doce das 232 estrelas Michelin repartidas en toda España están na comunidade galega. Volven a repetir estrela os doce restaurantes que xa contaban co distintivo, nunha gala celebrada no mes de novembro no espazo Mas Marroch de Vilablareix, rexentado polos irmáns Roca en Girona.

Yayo Daporta – Cambados

O restaurante do chef Yayo Daporta, que leva o seu nome, conta cunha estrela Michelin dende 2008, tres anos despois de abrir as súas portas. Situado nun céntrico edificio histórico de Cambados define a súa cociña como “cociña galega actualizada”. Unha cociña contemporánea, sen perder de vista nunca a tradición.

A Estación – Cambre

Cociña con sentimento, independente, actual. Así é o restaurante A Estación, situado na vella estación de ferrocarril de Cambre, un lugar tranquilo e romántico no
que degustar as especialidades dos chefs Beatriz Sotelo e Juan M. Crujeiras. Xuntos apostan por unha cociña de proximidade, de temporada, de mar e de montaña.

Casa Solla – Poio

É o decano dos restaurantes galegos con estrela Michelin. Foi recomendado por primeira vez pola Guía Michelin no ano 1965 e a estrela chegou en 1980. Pepe Solla colleu o relevo do restaurante familiar a comezos dos 90 conservando a esencia e reinterpretando en cada prato todo o que o define como cociñeiro. Casa Solla é un edificio clásico e tradicional, ubicado na parroquia de San Salvador de Poio.

Alborada – A Coruña

O restaurante Alborada combina a cociña galega tradicional coa creatividade do seu chef Iván Domínguez. Situado no Paseo Marítimo Alcalde Francisco Vázquez da cidade herculina, o restaurante é un referente da cociña atlántica, baseada na materia prima, con sabor, alma e emoción.

Retiro da Costiña – Santa Comba

En Santa Comba o restaurante familiar Retiro da Costiña propón unha cociña creativa, mesturando a innovación coa tradición de máis de 75 anos de historia. A terceira xeración dos García, os irmáns Manuel e Leonor, capitanean hoxe en día o equipo. Unha cociña de mercado, contemporánea, para saborear o mellor de Galicia.

Maruja Limón – Vigo

Rafa Centeno e Inés Abril son os chefs do restaurante vigués Maruja Limón. Propoñen unha visión fresca e limpa da gastronomía galega, respectando a tradición e entendendo as raíces para presentar unha cociña creativa. Unha experiencia gastronómica que se pode gozar en tres espazos diferentes dentro do mesmo restaurante.

Nova – Ourense

Cociña de raíces. O restaurante Nova, na cidade de Ourense, é o resultado do soño de dous cociñeiros ourensáns Julio Sotomayor e Daniel Guzmán. Un espazo no que gozar dun único protagonista: o produto. A súa é unha cociña sostible, aproveitando o mellor produto de temporada dos arredores e da costa.

Casa Marcelo – Santiago de Compostela

A un paso da Praza do Obradoiro está Casa Marcelo, dirixido polo chef Marcelo Tejedor. No 2004 conseguiu a primeira estrela Michelin e no 2011 perdeuna para recuperala un ano despois. En abril do ano 2013 arrancou un novo Casa Marcelo, cun novo concepto de barra con carta de racións galegas mesturadas coa cociña mexicana, peruana ou asiática.

Culler de Pau – O Grove

Con vistas á ría de Arousa o restaurante Culler de Pau, dende O Grove, propón unha nova cociña galega, innovadora, harmoniosa. Unha prolongación do mar e da terra en pratos nos que o sabor é esencia. Dirixida polo cociñeiro Javier Olleros a cociña de Culler de Pau baséase na excelencia do produto, unha “cociña sincera, divertida”.

Pepe Vieira – Raxó

En Raxó, no concello pontevedrés de Poio, está o restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, dirixido polo restaurador Xosé Torres Cannas. Unha cociña natural, baseada na contorna e na sinceridade, e enmarcada nun espazo minimalista e discreto, onde os pratos son os únicos protagonistas. Evolutiva, comprometida e arriscada.

Árbore da Veira – A Coruña

Luis Veira dirixe o restaurante coruñés Árbore da Veira apostando por unha experiencia gastronómica con dous menús pensados para que o comensal entenda a súa filosofía culinaria. O menú raíz e o menú árbore están elaborados con produtos de mercado, marcados polos pescados e mariscos de temporada.

As Garzas – Malpica de Bergantiños

Cociña galega actualizada da man do cociñeiro Fernando Agrasar. O restaurante As Garzas, situado en Barizo, é unha proposta gastronómica de autor baseada nos peixes, mariscos e carnes de primeira calidade da Costa da Morte. Unha cociña que recolle a tradición familiar para poñela ao día.

Fotografía: Ovidio Aldegunde