ELENA FERRO: ZOCOS E COIRO
Rodeada de madeira e coiro, Elena Ferro axiña aprendeu o oficio familiar. Neta e filla de zoqueiros criouse no taller artesanal de Merza, na comarca do Deza. Neste taller case centenario, iniciouse sendo nena na marroquinería e na artesanía dos zocos tradicionais: “sempre me gustou e dende pequeniña estiven entre zocos, así que tíveno moi fácil. Nunca pensei en dedicarme a outra cousa”, recorda Elena. Seu pai foi un dos últimos superviventes do gremio, que nos anos 80 comezou a desaparecer. Cóntanos Elena que non corrían bos tempos para a venda de zocos cando ela entrou no taller. “Meu pai ten 78 anos e miña tía 88 e sempre din que todos os días hai que aprender algo novo”, conta Elena para explicarnos a súa filosofía. Con este lema familiar é doado comprender cómo despois de toda unha vida creando zocos tradicionais conseguen reinventarse con novos deseños para adaptarse ás últimas tendencias.
A incansable creatividade de Elena levouna a crear zocos que fusionan a tradición e a modernidade. “Sempre buscas ir un pouco máis alá, rizar o rizo, e probar cousas novas. Nunca se deixa de aprender e sempre hai que estar innovando, e vendo qué cambios se poden dar… é o que levamos facendo toda a vida”, explica.
«Dende pequeniña estiven entre zocos, así que tíveno moi fácil. Nunca pensei en dedicarme a outra cousa”
No ano 2010 deciden comezar a deseñar zocos con estampados, con animal print, con pelo… presentando un zoco moderno, cargado de cor. Deseños atrevidos que van saíndo á rúa pouco a pouco. Recoñece Elena que o boca a boca foi o que fixo que as vendas subisen no último ano. “Facemos zocos personalizados e pódense combinar as cores, os tacóns, e incluso introducir peles con diferentes texturas, con pelo, sen pelo, tamén podemos pintar a madeira…”, engade. Traballan con coiro de Galicia e de Alicante, pelo que chega de Italia, goma reciclada de rodas de coches procedente dunha planta do País Vasco e con madeira galega, de ameneiro -máis lixeira para os novos modelos- e de bidueiro -para os zocos máis tradicionais-.
Combinan materiais e cores ao gusto de cada cliente. Tamén nas alturas do tacón: os zocos poden ser con tacón base, tacón de 8 cm e de 11 cm. Dende o taller de Elena Ferro propoñen novos deseños e posibles combinacións de cores e logo son os clientes os que deciden o deseño final dos seus zocos.
Venden nas feiras que visitan cada fin de semana, nalgunhas tendas de Santiago e doutras localidades galegas coma Tui, Monforte, Cee ou Ferrol e a través da súa páxina web. Moita xente vai a visitar o taller para facer os seus encargos. Pero os produtos que fabrican tamén están fóra de Galicia. Recentemente estiveron en Hamburgo, en Vitoria, en Albacete… e xa venden para o estranxeiro.
Para amosar o seu traballo e tamén dinamizar o rural están a realizar unha reforma na que buscan ampliar a tenda-taller e poder realizar algunhas actividades coma concertos, teatro, celebracións… e que a xente poda visitalos, coñecelos e pasar unha tarde diferente pola comarca do Deza. O taller está situado na antiga palleira da casa familiar e tras reformalo hai anos, volveu a quedarse pequeno. Son sete persoas no taller, as tres irmáns Ferro e outras catro mulleres. Ademais os pais e a tía de Elena, agora xubilados, sempre botan unha man. Un ambiente familiar e único para deseñar, para crear e para dar renda solta a toda a súa creatividade. Como a que nos mostran a través das redes sociais e das montaxes fotográficas cos zocos como protagonistas: “son montaxes con zoquiños pequenos que utilizamos para contar historias… un traballo máis creativo e divertido que nos axuda a amosar todo o que facemos dunha maneira diferente”.
NO TALLER FAMILIAR TRABALLAN SETE PERSOAS, NUN AMBIENTE FAMILIAR E ÚNICO PARA DESEÑAR, PARA CREAR E PARA DAR RENDA SOLTA A TODA A SÚA CREATIVIDADE
Herdeira deste oficio tradicional Elena Ferro non para de aprender. Recentemente cursou un Máster de Deseño e Fabricación de Bolsos en Ubrique e conta que foi “unha experiencia moi bonita onde puiden aprender moitas cousas novas e experimentar. O ano pasado fixen as prácticas en Madrid coa deseñadora Sara Navarro e axudoume a ver que o que nós facemos non está desencamiñado”.
Sobre os plans de futuro Elena Ferro cóntanos que o momento actual é “boísimo” e que non buscan medrar e chegar a ser unha fábrica de zocos: “gústanos o ambiente familiar que temos e non queremos perdelo”, explica. A paixón de Elena Ferro polo seu traballo e as ganas de seguir mellorando e innovando son o mellor aval para un oficio que continúa vivo despois de tres xeracións.