Etel&Pan é a mestura de Etel Bande e Palmira Castro. Un novidoso concepto que une “comida e bebida xeitosa do pais e tenda ultramarina”. Así definen os seus creadores esta tenda-bar, situada en Fisterra, nunha casa mariñeira renovada no ano 2010: “o que se ven denominando unha Casa de Remo, de 2,65 metros de ancho, con 28 metros cadrados por planta e con tres plantas”, explica Palmira.
Ela, de Sardiñeiro, unha aldea de Fisterra, e el de Ourense, con sangue do Xurés e do Ribeiro, deron forma a este proxecto común que comezou precisamente cando se coñeceron: “podemos dicir que o concepto etel&pan prendeu xusto cando nos coñecemos, os dous somos uns namorados da nosa terra, da paisaxe, de descubrir lugares fermosos e coa nosa cesta de picnic ir comer coas mellores vistas e rodeados de natureza, sexa verán ou inverno. Con esa idea abrimos, con comida sinxela, bocadillos, conservas, pan de masa nai, ensaladas… todo para levar, listos para ir de picnic. Aínda que esa idea foi evolucionando, gústannos moito tamén o pan, as conservas, o viño do ribeiro e gústanos apostar por produtos novos e galegos e que teñan detrás unha historia emprendedora como a nosa”, conta Palmira.
Etel&Pan, unha tenda ultramarina con
comida e bebida artesá e galega
Proveñen de lugares e de sectores moi diferentes. Palmira estudou Historia e Educación Social e compaxina Etel&Pan co seu proxecto de artesanía mimadriña.com. Etel Bande formouse en cooperación e comercio internacional e dende hai anos “sentía que quería asentarse en Galicia e empezar de cero un proxecto, e aquí xurdiu, na fin da terra”, explica Palmira. “Un día conteille a Etel que Fisterra era un lugar que reunía moitas características para que o noso proxecto funcionase”, recorda, “Fisterra recibe moitísimo turista internacional con motivo do Camiño de Santiago, con gusto polo auténtico e o produto de calidade. Levabamos un tempo observando e empezamos a percibir que poderíamos ofrecer algo moi diferente o que se estaba ofrecendo en Fisterra. Durante anos pasados os dous viaxamos moito por cidades europeas, e observamos lugares como o noso, pequeniños, con encanto e moita personalidade, con comida típica dos lugares feita con moito agarimo. Todo iso foi o que fixo que isto prendese!, explica a súa creadora.
Están a medio camiño entre unha tenda de ultramarinos, un bar, un restaurante: “moita xente pregúntanos dende a porta, sodes restaurante? sodes bar ou tenda? Nós dicimos que somos todas esas cousas”, asegura Palmira. “Ao entrar percibes que estas coma na casa, todo é pequeno pero acolledor, todos os mobles teñen unha historia familiar, ata temos un sofaciño e unha mesa para oito centenaria, as barras e moitas das cousas están feitas con madeira de deriva, que Etel máis eu recollemos nas praias de aquí e lles demos unha segunda vida”.
Comida coidada, artesá e galega
O ingrediente fundamental en Etel&Pan é o pan, elaborado tamén en Fisterra: “cando abrimos, pensábamos que ía levarnos moito tempo atopar un bo panadeiro cerca que nos surtira do noso elemento fundamental, nós queríamos algo moi artesán e especial e tivemos a sorte de atopar a Juan Luis, da Panadería Germán, que se converteu nun bo amigo e aliado”, conta Palmira. Comida moi coidada, artesá e galega: “bocadillos, hamburguesas, ensaladas, tapas con conservas galegas e postres de elaboración propia” forman a carta de Etel&Pan. “Os ingredientes son seleccionados e só traballamos con carne de razas autóctonas galegas, produtos de hortas locais e produtores que teñen mimo polo que fan”, destaca Palmira, “o 95% dos nosos produtos e ingredientes son galegos, viños do ribeiro, cervexa artesá…”.
Etel Bande e Palmira Castro reformaron e decoraron unha
pequena casa mariñeira de Fisterra para dar vida ao seu proxecto
A contracorrente e con case un ano de vida decidiron cambiar de local e mudarse a unha casa máis grande: “o ano pasado apenas tiñamos 18 metros cadrados, o concepto era moi claro! Take away e tan so dispoñiamos de dúas mesas fora, así que quedóusenos pequeno moi rápido. A xente dicía que era tan bonita a tenda que daban ganas de quedarse alí a comer e saborear a sobremesa, así que cando pechamos aceleramos o proceso que tiñamos pensado para uns anos máis adiante”, explica Palmira “agora estamos a 50 metros máis adiante, en plena praza de Fisterra”.
Con moito traballo, con produtos de primeira calidade, con mimo e nun ambiente familiar e único Etel e Palmira crearon este espazo diferente, baseado nunha idea sinxela, que xa se está a converter en referente entre turistas, peregrinos e os veciños da zona.