galiza b/n

Galiza B/N 1ª exposición fotográfica colectiva

Unidos por unha paixón común: a fotografía. Comparten o gusto polo procesado en branco e negro e todos eles teñen algunha relación con Galicia. Son fotógrafos, algúns profesionais e moitos deles afeccionados, que comparten inquedanzas e imaxes. Formaron no ano 2009 o grupo Galiza Branco e Negro (Galiza B/N), un colectivo que foi medrando tanto en número de membros como na calidade das obras compartidas.

De orixes e profesións diversas, son máis de 600 os integrantes deste grupo que xurdiu da man das redes sociais. Primeiro tan só en Flickr e posteriormente tamén en Facebook. Nas redes comparten os seus puntos de vista e os seus traballos. Pero a súa paixón vai máis aló. Participan en diversas actividades e organizan quedadas fotográficas. A gran cantidade de obras compartidas, pero tamén a súa calidade, fixo que un dos impulsores do grupo, Juanma Ronquete, propuxera unha exposición colectiva para divulgar as súas fotografías e, con elas, os seus diferentes puntos de vista.

Retratos, paisaxes, fotografía conceptual… a primeira mostra do colectivo Galiza B/N reúne corenta obras de corenta autores cunha única característica común: son fotografías procesadas en branco e negro.

Corenta instantáneas en branco e negro

“O fundamento da fotografía en branco e negro está en centrar a mirada na imaxe, é a esencia da imaxe a que ten o protagonismo”, explica o pontés Tonete López. É membro do colectivo Galiza Branco e Negro case dende os comezos deste grupo e cóntanos que o primeiro que lle chamou a atención foi o enfoque e o xeito que ten o seu creador, Juanma Ronquete, de promover e compartir contidos relacionados coa fotografía. “Cada semana destaca na páxina de Facebook unha foto de cada un dos integrantes e cada mes centra o interese nun fotógrafo recoñecido. Pareceume un grupo interesante, sobre todo polos coñecementos que se comparten”, engade Tonete. En canto coñeceu a idea desta exposición, Tonete López uniuse a ela sen dubidar: “pareceume unha idea estupenda e unha oportunidade de mostrar o meu traballo”.

É unha iniciativa pioneira e os seus impulsores non agardaban un resultado tan positivo. “Fun un dos primeiros en unirme á iniciativa que nun principio non se pensaba que ía ter tan boa acollida. Da idea inicial de ser unhas quince instantáneas houbo que parar cando chegamos ás corenta”, explica. “Na exposición hai fotografías de todo tipo e case a metade son instantáneas onde prima o factor humano, hai un presenza importante da persoa, e a visión céntrase na propia imaxe, sen florituras nin distraccións; é o fundamental na fotografía en branco e negro”, afirma Tonete. Describe como “especial” tanto o ambiente que se creou dentro deste grupo de fotógrafos como o primeiro contacto que tiveron co público durante a inauguración da exposición en Vigo no mes de marzo.

Esta primeira mostra colectiva é tamén unha mostra itinerante. Estará este ano de xira por toda a xeografía galega e no norte de Portugal. A primeira parada foi na Casa do Libro de Vigo no mes de marzo. Nos vindeiros meses percorrerá Paredes de Coura, Tomiño, Caminha, Lalín, Tui, Muros, Ferrol, Carballo, A Coruña, Camariñas, O Carballiño, Chantada, Redondela, Santiago e rematará en Vigo.