GRUPO POÉTICO ALALÁ

Atípico. Heteroxéneo. E tamén único. Así é o Grupo Poético Alalá. Naceu coa ilusión por compartir as súas creacións poéticas. Trece anos despois, continúan difundindo a súa poesía, creando e, sobre todo, conversando. Sobre poesía e sobre a vida.

“Ofelia, Gloria e máis eu coincidimos na presentación do premio de poesía Uxío Novoneyra”, explica Santi Del Moral, “cando estabamos alí xunto ao poeta Xosé Vázquez Pintor, nunha conversación informal, naceu a idea de crear o grupo. El nos animou”, recorda. Xunto a Santi Del Moral, Ofelia López, Gloria David e Aníbal Ánxel, os fundadores, na actualidade completan o grupo Mari Carmen Freire, Montse Pardo e Silvia Pardo. A Biblioteca Municipal das Pontes é o seu punto de encontro e Anabel Alonso, a bibliotecaria, a alma do grupo: “Anabel é o centro, sen ela o grupo non existiría”, aseguran todos case ao unísono.

Expresión, ritmo e harmonía son características que definen este xénero literario. As mesmas que serven para describir cada unha das súas reunións. “Xuntámonos a ler poesía e comentala, a poñer en común a obra de cada un”, conta Ofelia López. ”Isto estimúlanos a escribir”, engade Gloria David, “desde o ano 2003 a evolución foi moi regular. Temos unha rutina de dous recitais ao ano, en primavera e en outono”, apunta. “O escritor é como o neno que todos somos, levas o poeta dentro e ás veces sábelo e outras non, explica Aníbal Ánxel, “somos xente tímida e o grupo serve de axuda para amosar o que escribimos”. Alalá naceu con dous obxectivos que permanecen intactos despois de trece anos: “escribir poesía e escribila en galego”.

Confesan que, malia seguir unha liña poética moi diferente e heteroxénea, o tempo compartido lévaos a influenciarse uns aos outros. “Cada un de nós mantén a súa personalidade”, conta Ofelia, “somos moi diferentes, pero dende o comezo crecemos como poetas”, engade.

Malia as diferenzas, todos están en contacto coa poesía dende que eran nenos. Con estilos diversos, cada un mantén a súa propia visión. Para Gloria, a poesía é o amor; Ofelia centra a súa produción poética no mundo rural, na familia; Mari Carmen escribe sobre o mar e a terra; Santi é un poeta intimista; Aníbal, comprometido; igual que Silvia que se define como poeta social.

As Pontes uniunos, pero a súa heteroxeneidade tamén se percibe nas súas orixes: Muras, Brasil, Ferrol, A Coruña… Un colectivo diferente cunha paixón compartida: a poesía. A pesar de compartir tempo, impresións e moitas charlas… Aníbal asegura: “somos illas, creamos en soidade e en silencio. A poesía é algo introspectivo”.

 

Recitais de poesía

Cada ano, Alalá recibe a primavera e o outono celebrando un recital no que convidan a poetas recoñecidos. Teñen pasado por As Pontes Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Xulio López Valcárcel, Medos Romero ou Antón Fortes, entre outros. “Nos recitais poéticos hai unha gran afluencia”, explica Gloria, “a resposta da xente é impresionante”. “O que me sorprendeu é que nas Pontes hai un público fiel, non soe ser habitual noutros lugares”, conta Silvia.

Cada recital está ambientado nunha determinada temática e os integrantes de Alalá recitan as súas creacións. “Grazas a eles a nómina de poetas que pasaron por aquí é relevante”, explica Anabel, “grazas a Alalá a xente tivo a oportunidade de escoitar a poetas que seguramente non pasarían por As Pontes se o grupo non existise”. Sinala ademais que Alalá é un grupo “atípico e xeneroso”. Unha característica que define tamén ao colectivo: “todos os poetas convidados veñen de forma altruista, só para compartir este espazo de poesía e isto é algo que non soe ser habitual”, apunta Anabel.

Os poetas coinciden en destacar a colaboración constante que manteñen co Conservatorio das Pontes: “sempre nos acompañan nos recitais, tanto profesores como alumnos e tamén as Cantareiras de Alende ou incluso bailarinas de danza oriental tivemos acompañándonos” explica Mari Carmen.

Obra colectiva

No ano 2005 decidiron publicar o seu primeiro libro de poemas como colectivo: Cinco sentidos, unha escolma de textos dos cinco membros fundadores do grupo. Oito anos despois, para celebrar o seu décimo aniversario, publicaron Dez anos de poesía nas Pontes, no que recollían poemas dos integrantes de Alalá e dos artistas convidados que participaron nos recitais.

Ademais das súas actividades habituais, o grupo participa en eventos literarios como a celebración do Día das Letras Galegas ou colaboracións e traballos creativos xunto ao grupo fotográfico Reollo ou exposicións colectivas co grupo de artistas ponteses ArtPo. Nos colexios tamén teñen desenvolvido obradoiros poéticos para os máis pequenos.

Ferve o sangue nas copas das árbores
no linde do bosque de paisaxe outonal
e, timidamente, estremecen as tardes
nas mans da brisa que as vai espindo
de follas de mel, con bágoas de orballo,
na total magnificencia da lúa chea,
marmurios dun tempo pasado en estancia eterna…
arbóreos sons que me levan a ti.
Xa non canta o vento na fraga eumesa,
pérdense os beixos de chuvia entre as pólas
e na beira do río susurra o paso da auga
cantigas e lembranzas de amores e nostalxia.

Grupo Poético Alalá
24 de novembro de 2016