IRIA PIGUEIRAS

Imaxínao e víveo. É o lema que dá nome a Imavi, a firma de complementos creada hai sete anos pola música e artesá Iria Pigueiras (Viveiro, 1983). Son os mesmos anos que leva vivindo en Santaballa. Desde alí, deseña e crea pezas únicas inspiradas na natureza. “Compaxino o traballo no obradoiro coas clases de música e movemento, linguaxe musical e violín porque é outra parte que me complementa”, explica Iria, “creo que tanto na música como na artesanía sempre me atopo con camiños que me quedan por andar e o que máis desexo é que sempre teña ganas de facelo porque eses sopros de aire fresco son os que me fan sentir o que fago como algo novo”, cóntanos.

Con esta filosofía e sentindo paixón por todo o que fai, a artesanía sempre foi para Iria unha forma de vida e de expresión: “sempre o sentín como algo totalmente necesario para realizarme, esa inquedanza que me crea ter unha idea na cabeza e non levala a cabo só se soluciona facéndoa e foi algo que nunca puiden nin quixen evitar”, explica.

Por iso creaba pezas para ela mesma e para agasallar, ata que no ano 2009 decidiu crear Imavi. Antes estudara música e violín, ademais do ciclo de Fotografía Artística en Santiago.

O seu proxecto é o resultado “de probas e experimentos con diferentes técnicas e materiais como flores secas, arxila polimérica, teas… dos que resultan os complementos artesanais que elaboro”, conta, “na súa maioría teñen como tónica os motivos naturais e deseños baseados na combinación de formas e cores, buscando sempre sorprender coa frescura e os detalles”, explica a artesá.

Para crear as súas pezas Iria inspírase en todo o que a rodea e na necesidade de transformar a realidade baixo a súa propia visión, así, conta Iria, “cada peza que sae do meu obradoiro leva ese selo persoal que caracteriza a cada traballo artesanal”, engade.

Un traballo artesanal no que mestura o modelado de arxila polimérica con diferentes técnicas de transferencia, técnicas caligráficas, carvado, estampación, deseño de ilustracións e decoración con pintura, tamén recolección e prensado de flores e follas, pasando pola combinación de elementos naturais e textiles. Todo un traballo manual e que vai enriquecéndose en cada peza: “dependendo do fin buscado en cada peza ou do camiño que toma o proxecto unha vez comezado”, apunta, “porque moitas veces o resultado vén dado por eses camiños que se toman paralelos a unha idea inicial; pode que sexa a parte que máis me gusta, esa idea que se imaxina en bosquexos e a medida que vou experimentando vai clarificándose e vendo opcións que nun comezo eran difíciles de ver sen probar”.

Elabora con mimo pezas soltas que logo se transforman en coleccións: “hai veces que ao elaborar unha peza solta ou conxunto vexo se iso se abre a máis posibilidades e de aí sae a colección”, explica, “tamén esas coleccións se van ampliando con produtos que me van demandando. Hai coleccións que manteño case dende un comezo como Perenne e Azucre, outras que foron saíndo como Orixes, Xiros, Prenso, logo existen, Ventás e as máis recentes Africando, onde predominan as cores e Cigalianos, esta última son debuxos feitos a pluma transferidos a arxila polimérica e posteriormente pintados”, apunta Iria.

Busca sorprender con cada colección e con cada peza e por iso está constantemente formándose e renovándose de maneira autodidacta e asistindo a cursos, buscando sempre inspiración e ampliando as posibilidades de cada material que utiliza.

Dende o seu taller deseña, crea, experimenta e plasma a súa propia visión de todo o que a rodea. Vende as súas pezas artesanais dende a súa páxina web -www.imaviartesania.com- e recibe encargos a través das súas redes sociais. Ademais Iria Pigueiras participa habitualmente en feiras de artesanía.

*Fotografías: Yolanda Purriños