JOSÉ LUIS CARRASCO

Artístico. Cargado de simboloxía. De sentimentos. É o mural que ocupa os 120 metros cadrados da parede exterior do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba. O seu autor, José Luis Carrasco, é o profesor de artes plásticas e cultura audiovisual no instituto chairego. Tras un ano de actividades, charlas e exposicións o instituto vilalbés celebra os seus cincuenta anos de historia cunha festa popular recreando cun desfile de cabezudos cómo eran as celebracións no ano en que abriu as súas portas.

Licenciado en Belas Artes na Universidade de Salamanca, José Luis Carrasco chegou a Vilalba no ano 1993. Despois de vinte e dous anos impartindo materias artísticas, neste cincuentenario foi o encargado de levar a cabo no seminario de plástica tanto o deseño do programa como o mural e a restauración de dous cabezudos antigos. Serán os protagonistas dunha comparsa humorística que servirá de colofón para un ano de actividades. A máis visible: o gran mural que enche de cor e de significado unha das paredes do centro educativo.

O IES Basanta Silva de Vilalba celebra 50 anos de historia con diferentes actividades, a máis visible: o mural que enche de cor e de significado unha das paredes do centro educativo

A primeira idea de José Luis Carrasco foi plasmar o concepto de educación: “pensei que para min a educación é un cambio, unha catarse, unha transformación. No instituto entran rapaces con 13 anos e saen con 17 ou 18 anos, é o paso da infancia á adolescencia. É a madurez, un cambio de actitude, de responsabilidades”, explica o profesor, “eu lembrábame da miña experiencia e das cousas boas e malas do instituto. Darte conta que estás medrando, como persoa”. A historia de Alicia no País das Marabillas foi o punto inicial da súa inspiración: “cando escoitaba falar de Alicia non sabía realmente o que lle pasou”, conta Carrasco, “ata que souben que o que lle pasou foi unha transformación, un cambio da infancia á madurez. Isto é o que quería transmitir”, engade. No mural podemos ver unha nena, “unha especie de Alicia”, conta José Luis, “que está regando unhas árbores cunha teteira”. “Regar árbores simboliza o crecemento, a primavera, volver á vida, renacer… a rapaza tamén ten un tatuaxe cunha rosa dos ventos, a orientación, desorientarte, desnortarte”, apunta, “agarra tamén un corazón, aquí hai unha simboloxía clara ao lugar. Tamén está o paso do tempo reflectido nun reloxo que fai alusión a Dalí, ao cadro La persistencia de la memoria”. Non falta tampouco no mural o reflexo do paso do tempo e das présas propias desta etapa, simbolizado no reloxeiro de Alicia.

“Todas as follas son do vento”. É o lema que sostén o mural. “É unha frase dun autor arxentino que se chama Espineta, a min sempre me gustou moito”, explica, “todas as árbores están baleiras de follas e só hai unha folla, a idea é individualizar a cada persoa que pasa polo instituto nesa folla e despois o vento será o destino, que nos pon a cada un no camiño”.

A arte no sistema educativo

José Luis Carrasco leva máis de vinte anos impartido materias artísticas no instituto vilalbés. Explica que é difícil transmitir a importancia da arte aos alumnos: “o tratamento da arte no sistema educativo é o mesmo que na sociedade na que vivimos: ningún. Ao fin e ao cabo o centro educativo é o reflexo da sociedade na que un vive. Neste país sempre se deixou a un lado a cultura e a arte. Por moito que pataleemos é difícil cambiar isto. É difícil porque isto é a idiosincrasia, a cultura dun pobo”, conta. Asegura que como profesor de arte é complexo e “require moito esforzo, moito traballo, para conseguir pouco”. Para el a arte “é unha das maneiras de visualizar, unha das maneiras de enfrontarse ao mundo”.

“A educación é un cambio, unha catarse, unha transformación. É o paso da infancia á adolescencia, é a madurez, un cambio de actitude e de responsabilidades”

Carrasco fala do seu traballo con paixón: “a nivel persoal me sinto moi realizado. Cando che din vas traballar, eu penso, non, vou explicar o que me gusta, falar do que me gusta aos meus alumnos e se podo aportarlles unha pizca de coñecemento pois mellor”, engade, “dar clases de debuxo, estar pintando bodegóns, retratos… e velos manchados de pintura apaixóname e moitos alumnos tamén senten paixón, pero para eles non é algo tan importante como as matemáticas ou a lingua”. Baixo o seu punto de vista a linguaxe audiovisual debería ser unha materia obrigatoria no instituto: “vivimos nun mundo no que a imaxe é fundamental, como non hai unha asignatura como linguaxe audiovisual obrigatoria? Temos todas as linguas, galego, castelán, francés, inglés, e, sen embargo, linguaxe audiovisual é unha optativa que poden coller en primeiro de bacharelato. Hoxe en día manexar un escáner, photoshop, as aplicacións… hoxe a linguaxe audiovisual está en todo”, reitera.

José Luis Carrasco despídese este curso do Instituto Santiago Basanta Silva para impartir o Bacharelato Artístico en Lugo: “estou encantado aquí, pero a nivel profesional me estimula moitísimo dar clase a rapaces que elixen o bacharelato artístico”, conclúe.