LUIS SUÁREZ

A vela é para Luis Suárez un xeito de vivir. O seu correcto galego combínase cun doce acento canario. Asentado en Ferrol conta que chegou a Galicia para estudar Enxeñaría Naval. Hoxe remata os seus estudos ao tempo que ensina a navegar no Club de Vela Fluvial As Pontes. Recorda o seu primeiro curso de vela: “foi do 1 ao 15 de xullo de 1991, lémbrome por que o último día cumpría 10 anos”. Asegura que é quen é grazas á vela: “fixen os mellores amigos do mundo na vela, coñecín sitios novos, aprendín a moverme polo mundo, ser independente e, ao mesmo tempo, a traballar en equipo, valorar o que teño e aprender a coidalo, disciplina e valores moi importantes. A vela abriume as portas ao mundo”.

No ano 2004 a través dun compañeiro de clase veu á primeira regata a As Pontes e confesa que no club pontés “é difícil non entablar amizade, que fomos forxando en regatas propias do club ou noutras fóra das Pontes”. Dende hai catro anos converteuse en monitor: “penso que me vai chegando o momento de devolver un pouco á vela o que recibín dela, así que prefiro centrarme na xente que empeza e axudarlles a sacar o máximo que poidan. Quero que se vexan moitas velas no lago, aínda que para iso non poida levar eu unha”, conta. Os dous últimos anos foi monitor xunto con Roi García no lago das Pontes e anteriormente impartía as clases no encoro: “non só poden aprender os cativos, ensinamos a xente con calquera idade, o único que pedimos é saber nadar. Este ano tivemos cativos desde os cinco anos ata mozos de sesenta e pico. Obviamente cada persoa ten o seu ritmo, independentemente da idade”.

Para min a vela é todo,
é un xeito de vivir

Asegura que o lago das Pontes é un sitio ideal tanto para a iniciación como para os deportistas en niveis máis avanzados: “o ano pasado fíxose a Copa de España da clase Vaurien e o campionato galego de Windsurf. É raro que non apareza o vento, e co aberto que é, entra moi limpo. Ao que lle hai que sumar o escenario inmellorable para quen se achega a botar un ollo, é algo que se agradece xa que o normal non é navegar preto da costa”.

LUIS SUÁREZ

Iniciouse na competición na tempada 92-93 “debeu ser nunha Copa de Canarias da clase Optimist”, recorda, e este verán participou no Campionato do Mundo de Vaurien en Holanda xunto con Roi García. “A experiencia foi moi gratificante, collémola con moita ilusión e viaxamos xuntos dous barcos galegos, un vasco, e outro extremeño. Todos moi bos amigos. Demasiadas horas nunha furgoneta para compartir con oito calquera!”, conta, “unha vez alí, notamos a falta de adestramento, por desgraza non tivemos acceso ao lago ata finais de xuño e foi para empezar a tempada de cursiños de verán. Aínda así, conseguimos colarnos arriba nalgunha manga. Pero con condicións moi duras, choveu todos os días, e unha media de vento de 30 nós (56Km/h)”, engade Luis. Acadaron o posto 67 na clasificación en categoría absoluta. “Foi a nosa primeira vez xuntos, os dous somos timoneles e xa participáramos separados, pero cansos de non atopar proeles decidimos xuntarnos”, explica o regatista. Luis Suárez acaba de regresar da Copa de España de Vaurien onde competiu cunha rapaza que saíu dos cursos deste verán e en Semana Santa participará no Campeonato de España.

Luis Suárez e Roi García acadaron a 67º posición no Campionato do Mundo de Vaurien en Holanda

Os seus obxectivos céntranse agora en conseguir transmitir a paixón que sinte por este deporte: “sempre teño moi bos recordos para os monitores e adestradores que tiven na miña vida, se consigo que alguén dos que pasa polo club se lembre de min despois de 25 anos, como fago eu, sería unha grande satisfacción para min. Son estas persoas as que van facer que este club saia adiante e chegue a ser todo o grande que se merece. Quero pensar que esa primeira xeración xa está aquí!”, conta.