LUIS TOSAR
Natural. Tranquilo. Espontáneo. Luis Tosar fixo un alto durante a estrea da película El Niño para conversar con nós sobre cine e sobre a súa carreira. O actor galego volve a traballar de novo ás ordes de Daniel Monzón onde se somerxe nas redes do tráfico de drogas que operan na fronteira sur de Europa. Continúa ademais coa rodaxe de El Desconocido, do director monfortino Dani de la Torre, na Coruña.
– Esta é unha pregunta case obrigada en Qwerty, en que momento da túa vida decides ser actor?
– É difícil saber o momento. Sinceramente non foi unha decisión pura e dura, son acontecementos que te van levando, comezando pouco a pouco, e chega un momento no que practicamente estás dentro. Ese foi un proceso que comezou en Lugo, facendo pinitos no mundo do vídeo con Jorge Coira, comezamos xuntos no instituto e tiñamos as mesmas crenzas polo mundo do cine e empezamos a facer experimentos. De feito, este ano cumprimos 25 anos desa primeira mediametraxe, que foi o primeiro gran traballo que fixemos que tivo un pouco de coherencia dentro deses primeiros experimentos. Probando tamén na aula de teatro, despois un par de anos nunha compañía que aínda segue existindo en Lugo que se chama Achádego e despois chegou o momento de tomar unha decisión e marchamos todos a Santiago, cada un a estudar cousas diferentes. En Santiago estaba Alecrín onde organizaban talleres de teatro, baile, xogo acrobático… e aí empecei a prepararme un pouco para o que viría deseguido e a facer pequenos traballos de actor.
– Todos te recordamos como o avogado na serie Mareas Vivas da TVG, foi este papel o que marcou o salto ao cine?
– Non tivo moito que ver. O lóxico é que despois dese proceso de Mareas Vivas dese o salto ao cine, pero en realidade eu estaba facendo cousas en paralelo. Xa comezara a facer traballos en cine. Estaba traballando en teatro, con pequenos traballos en televisión e a consecuencia destes traballos chegou o papel en Mareas Vivas. Eu naquel momento tiña máis contacto con produtoras independentes que non tiñan ningún contacto co mundo da televisión. De feito cando estabamos gravando a primeira temporada de Mareas Vivas eu estaba rodando Flores de otro mundo con Icíar Bollaín.
– Fuches a cara do paro, do maltrato, do cárcere, da vida… despois destes papeis poderías interpretar calquera personaxe?
– Non o creo. Pero un ten a sensación de que levas tantos anos traballando, estás máis preparado, tes unha experiencia detrás que, no meu caso, aprecio enormemente porque tiven a oportunidade de traballar con grandísimos directores e directoras, compartir reparto tamén con grandísimas actrices e actores e levo aprendendo moitísimo todos estes anos. E de ter a oportunidade ademais de afrontar papeis como os que me tocou sempre facer. E iso non sempre ocorre, digamos que o privilexio do actor é acceder a ese tipo de papeis que son os que tamén chaman a outros e os que dan a oportunidade a un actor de desenrolarse, de poder dar todo o potencial que tes. Hai moitísimos actores magníficos que andan por aí polo mundo que por desgraza non sempre teñen ese momento no que poden demostrar realmente todo o que poden facer. E aí entran todos eses elementos que teñen máis que ver con estar no momento xusto e no sitio apropiado. Porque un papel cando tes a oportunidade de estar nunha boa película, cun bo personaxe e está ben defendido despois normalmente hai oportunidade de que outras portas comecen a abrirse. Entón agora véxome máis preparado, máis experimentado, pero de aí a facer calquera personaxe… bueno, habería que ver…
– En qué rexistro te sentes máis cómodo?
– Non teño ningunha preferencia, case por imposición persoal, procuro non ter preferencias. Sen acceder a cousas que probablemente sexan un pouco máis kamikaces, pero que tamén pasan pola propia definición desta profesión que é un pouco un deporte de risco.
– E cal é o papel que aínda soñas con interpretar?
– Tampouco teño. É unha cousa que nunca penso. Procuro deixarme sorprender, se hai unha historia que me seduza, un guión que me seduza, cun personaxe que pode ser maior, ou menor, máis pequeno ou máis grande … pero todo pasa porque o guión sexa realmente sedutor. Para convencerme para facer algo non teño que ser necesariamente o protagonista, tampouco teño metas previstas sobre qué tipo de personaxe quero facer. Son un pouco veleta, quero dicir, que cambio de opinión con bastante rapidez, hoxe apetéceme facer algo e mañá pode que sexa todo o contrario, prefiro deixar que todo flúa.
– A túa carreira é imparable… agora estreas El Niño, Los Fenómenos, rodaxe tamén na Coruña de El Desconocido…como levas este momento?
– Non é un momento novo. Xa vivín esta experiencia máis veces, de estar presentando película e rodando outras…
– É o momento de éxito que estás a vivir?
– É agradable o éxito, sempre e cando sexa real. Quero dicir, o éxito profesional á hora de poder estar currando é unha cousa, supoño que unha apreciación moi persoal. Despois o éxito de público é outra cousa porque ata que se estrea unha película non sabemos se funciona ou non. Pero cando hai éxito que máis se pode pedir, non? O éxito creo que serve para poder traballar máis, ter acceso a outras cousas e todo o que ten que ver con popularidade e a fama procuro xestionalo da maneira máis racional posible que, ás veces, non é doado.
– Estes días estréase El Niño e volves a poñerte ás ordes de Daniel Monzón, neste caso na pel dun policía, como foi a experiencia?
– Daniel e eu somos moi bos amigos e a oportunidade de volver a traballar cun amigo co que te entendes realmente ben, estamos moi compenetrados, e que ademais me fixo partícipe do proxecto dende moi cedo, aínda cando estaba en fase embrionaria… repetir esta fórmula, xa era a terceira vez, de feito, que traballamos xuntos. En El corazón del guerrero eu xa fixen un papel moi pequeniño, pero estiven aí, fun testemuña de cómo foi a carreira de Daniel desde que comezou a dirixir películas. E tamén tivemos a sorte de repetir con moito equipo co que fixeramos Celda 211, a xente de arte, de son, de fotografía… É un luxo poder traballar así, porque ademais de amigos son profesionais dunha talla enorme.
– A maioría dos papeis que interpretas están vinculados a temas de denuncia social, cres que é o cine o medio ideal para reivindicar esta temática?
– O cine creo que é un medio para, en todo caso, deixar que a xente reflexione polo menos durante unha hora e pico, dúas horas, nunha sala de cine, unha estraña intimidade que é a que se produce cando vas a ver unha película nunha sala, e que te fai comunicar de maneira directa con cousas que pasan polo mundo. Non creo que vaia a solucionar a vida unha película.
Con todas as películas de amor que fixemos ou todas as cancións de amor que hai polo mundo, se serviran para algo pois estaríamos amándonos uns aos outros practicamente a todas horas… Pois coas películas pasa algo similar. Hai películas moi ben intencionadas que faría que todo fose moitísimo mellor, non? Especialmente no cine americano, hai tantas boas intencións, que ese país non podería estar facendo as atrocidades que fai. O que si é que somos capaces, eu creo, é de dar esa visión que nos informativos ou nos medios de comunicación non se pode dar. Os informativos contan o que pasa, pero non fan case nunca reflexión ou non permiten ao espectador ter ese tempo de reflexionar sobre o que lle están contando… podemos ver todos os días o que está pasando en Gaza, o que pasa co Estado de Israel, o que se está facendo cos palestinos… pero seguramente hai algunha película na que poidamos entrar de maneira máis profunda en pensar sobre o que realmente significa todo iso. Esa eu creo que é a vantaxe que ten o cine con respecto a outros medios de comunicación.
– Non queremos rematar sen antes preguntarche polo teu proxecto The Ellas, en punto está? Como se combina o intenso momento que vives como actor coa música?
– Combina mal porque non hai moito tempo. Este ano estamos un pouco ‘a barbecho’. Estamos todos bastante liados. Hai un momento de dedicación cada un aos seus proxectos persoais, pero a banda segue en activo. Aí estamos, este ano non tocaremos nada ou practicamente nada, pero si continuaremos con forzas renovadas. Facemos algunha colaboración cando podemos, estivemos con Budiño nas festas de Santiago, hai pouco estivemos con Sés nun festival que organizou na Coruña…
– A última tamén sempre é pregunta obrigada: que consello darías a xente que está comezando e que dubida sobre se perseguir ou non o seu soño?
– Non son moito de dar consellos porque creo que pouca xente no mundo está capacitada para dar consellos, diría que normalmente son xente maior, con moita experiencia e realmente sabios. Como non é o meu caso non me gusta dar consellos. Pero nisto que me planteas sobre perseguir un soño diría que calquera que teña un soño que o persiga, porque vida hai unha, so temos unha oportunidade, isto vai todo a unha carta, así que hai que intentalo por todos os medios e cando es novo e tes toda a enerxía da túa parte, hai que empregala no que máis che apeteza facer, tempo para fracasar vai a haber de sobra, así que hai que perseguir o que un quere con todas as forzas das que dispón e con toda a ilusión.