María Mera
“Interpreto a unha rapaza que se vai somerxer na lenda dende un punto de surrealismo máxico”
– Cóntanos María, como comezaches na interpretación?
– Con 16 anos tiven a oportunidade de traballar de figurante nalgunhas series e foi aí cando me chamou a atención o traballo dos actores, recordo que absorbía cada detalle que facían, encantábame miralos. E así foi como tomei a decisión de estudar Arte Dramático, que foi cando realmente descubrín que iso era ao que me quería dedicar.
– Recordas cal foi o primeiro papel que interpretaches?
– Na escola de teatro a primeira personaxe que interpretei foi La señorita Julia de August Strindberg. E logo en televisión, Vanesa Viaño, na serie Matalobos.
– Modelo, actriz, xornalista… hoxe en día ten que ser unha polifacética e versátil para atopar traballo?
– Totalmente, cantas máis cousas saiba facer un, máis oportunidades de traballo ten, polo menos loitar por traballar de algo que che motive.
“Os galegos temos esa maxia das lendas nos contos dos nosos avós e antepasados. É fermoso viaxar por esas historias”
– Como xorde o teu papel na curta Aquela Noite e como te embarcas neste proxecto?
– Pois por unha proposta do seu creador Roberto Rego, que pensou en min para este proxecto. Estou moi contenta, porque é un proxecto diferente e teño moitas ganas de empezar a rodaxe.
– Coñecías a lenda na que se inspira?
– Si, si que a coñecía. A verdade é que os galegos temos esa maxia das lendas nos contos dos nosos avós e antepasados. É fermoso viaxar por esas historias. Parte de min pertence a Boqueixón, onde tamén vive a lenda de Pico Sacro.
– Cóntanos, a quen das vida nesta curtametraxe?
– Pois á protagonista. Unha rapaza que se vai somerxer na lenda desde un punto de surrealismo máxico. Non podo dicir máis, porque disto tamén forma parte o noso director Ángel de la Cruz, e con el irei creando pouco a pouco a miña personaxe.
– Gústache o papel que interpretas?
– Moito, porque é algo diferente ao que fixen, nunca tiven diante un proxecto baseado nunha lenda e menos aínda enfocado do xeito que o vai facer o noso director Ángel de la Cruz.
– Que supón para ti traballar nun proxecto coma este?
– A ilusión de crear un novo personaxe moi diferente a todos os que fixen anteriormente. E supón seguir medrando e aprendendo como actriz.
– Na túa carreira como actriz que papel soñas con protagonizar?
– Para o que me chamen!! Gustaríame algo que supuxera un gran reto para min. Podería ser un personaxe de acción, por exemplo.
– Como actriz, como percibes a situación actual do audiovisual galego?
– Está claro que a crise afecta ao audiovisual e a todos os sectores, o problema do noso é que durante moitos anos medrou á base de financiación pública e non polo desenvolvemento profesional do sector. Dentro destas axudas, mesturáronse amiguismos e profesionais para mover un sector que hoxe por hoxe perdeu máis do 60% das produtoras que tiña hai uns anos, son poucas as que lograron profesionalizarse e sobrevivir. Ao audiovisual galego faille falta máis unidade para demostrar o noso potencial fóra de Galicia, xa que o mercado interno quedou devastado pola crise. Hoxe sacar un proxecto de ficción en Galicia, tanto en formato de serie para televisión como de cine é unha fazaña, e o pouco que se consigue non dá traballo a toda esta xeración de actores que quedou paralizada.
– Cales son os teus proxectos de futuro?
– Rematei en Madrid a rodaxe da película Sicarius, La noche y el silencio. Polo de agora non hai nada máis en firme, esperemos que en breve as cousas se afiancen e tomen camiño.
– Como se presenta este ano?
– Acabo de rodar a primeira tempada de O Faro, así que agora estamos de descanso agardando pola segunda. Igual que o programa de cociña Como o da casa non hai. E logo de casting en casting, loitando por proxectos novos.