MARÍA PRIETO

María  Prieto (Roupar, 1986) é creativa publicitaria e traballa en Roma. Alí chegou para continuar os seus estudos de Publicidade e Relacións Públicas que comezara en Pontevedra no ano 2004. Ao rematar a beca Erasmus continuou en Roma, traballando en prácticas grazas á Beca Leonardo. Decidida a converterse en Art Director, nada máis rematar os seus estudos universitarios continuou formándose cursando un máster. No ano 2010 comezou a traballar  na axencia internacional Lowe. Dende entón, non para de traballar como creativa para numerosas campañas publicitarias internacionais.

  • Por que decidiches marchar de Galicia?
  • Despois de dous anos en Pontevedra sentía a necesidade de descubrir novas realidades, estímulos culturais, posibilidades e incentivos que atopaba necesarios para ampliar tamén os meus intereses profesionais… digamos que Roma era unha cidade que reunía todas as cualidades.
  • Que é o que te impulsou a marchar a Roma?
  • En realidade foi unha decisión casual, tomada en función dos destinos que se me ofrecían para a Erasmus, Roma era seguramente un dos máis interesantes. É unha cidade difícil ao comezo, dispersiva, de extremos: ámala ou ódiala.
  • Que é o que máis botas en falta?
  • A miña familia, os meus amigos, quentar as mans enriba da cociña, a retranca, os freixós, os viños e tapas coa miña nai, as súas amigas e as miñas amigas, as mañás en xaneiro de sol e xeada, Gayoso (…non, Gayoso non).
  • E aquilo que máis valoras de Roma?
  • A atmosfera de optimismo lixeiramente inxustificado (literalmente a antítese de Galicia), a xente que me rodea (o meu mozo, os meus amigos, os meus gatos Paul e Nina, Truffaut), o partido de fútbol os mércores, a choiva unha vez ao mes, o aperitivo case sempre.
  • Un lugar que non podemos perdernos se imos a Roma…
  • Un paseo polo barrio popular de Garbatella.
  • E unha comida?
  • Antes de cear: a pizza bianca de Roscioli cunha copa de viño ao Vinaietto.
  • O teu lugar favorito en Galicia?
  • Neste momento Roupar, casa.
  • Pensas en volver?
  • Quizais un día.