MESÓN DO CAMPO

meson do campo

Mesón do Campo

Teresa Vázquez leva 35 anos traballando nos fogóns
do Mesón do Campo en Vilalba, un negocio familiar
que combina tradición e vangarda

Tradicional e de autor. Así define Teresa Vázquez a súa cociña. Naceu en Cabreiros e axiña se iniciou no mundo da hostalaría. É filla de xastre e costureira e aos 22 anos decidiu poñer en marcha unha hamburguesería en Vilalba xunto ao seu marido. Ademais de hamburguesas pronto serviría táboas de xamón e queixos variados. Eran os comezos do Mesón do Campo, no ano 1979, un negocio familiar innovador que medra día a día grazas ao traballo de Teresa e do seu equipo. Porque ademais de restaurante, Mesón do Campo diversifícase para ofrecer un amplo abano de propostas.

O Gastrobar preséntase con un espazo no que combinan os mellores viños con tapas elaboradas. Arte gastronómica en miniatura. Así o acreditan a decena de premios que recibiron nos últimos anos nos concursos de tapas de Vilalba e San Simón. Cada mes ofrecen unha coidada selección de viños, tanto galegos, coma nacionais e internacionais.

Co mesmo detalle traballan a carta de vermús. Os domingos son días de sesión vermú en Mesón do Campo. Ofrecen unha ampla variedade de selectos vermús e tamén serven aperitivos. Na planta baixa do restaurante propoñen a súa carta de racións. E ademais teñen unha sección de coctelería, na que a súa especialidade para as sobremesas e as noites é o clásico gin tonic. Para acompañar comida e bebida este mesón vilalbés conta periodicamente con música e concertos en directo, “sobre todo de jazz”.

A súa arte na cociña chegou de xeito autodidacta. Ela mesma co paso do tempo foi aprendendo, viaxando e experimentando. “Sempre que teño tempo fago rutas gastronómicas polo mundo, esa foi a miña escola. Así coñecín a amigos cociñeiros e así continúo hoxe, compartindo coñecementos e experiencias”, conta Teresa. Recoñece que os comezos foron moi duros “sen saber nada tiven que ir aprendendo por min mesma”, recorda.

«Sempre que teño tempo fago rutas gastronómicas polo mundo, esa foi a miña escola. Así coñecín a amigos cociñeiros e así continúo hoxe, compartindo coñecementos e experiencias»

Na súa carta reina a cociña de proximidade e creativa e vai incorporando cada tempada os produtos de cada época do ano, “sempre son produtos autóctonos”, asegura Teresa. A innovación é unha constante en Mesón do Campo. Novas receitas e novos sabores enchen a súa carta que renova na súas xa recoñecidas xornadas gastronómicas: de setas e caza no outono, do capón de Vilalba en decembro, da lamprea e das angulas en febreiro e marzo e tamén de carnes exóticas. Á pregunta de cal é a súa especialidade Teresa dubida: “temos mariscos, peixes… e nas carnes quizais destacaría o boi wagyú Kobé”.

Cóntanos que conseguiu chegar ata o que hoxe en día é o Mesón do Campo despois de “moito esforzo e moitas horas traballadas”. Unha traxectoria que, asegura, non sería a mesma sen o apoio da súa familia. Os premios que acumula Teresa dan conta da súa labor. Recibiu, entre outros, o Prato de Ouro á Gastronomía Nacional, a Medalla ao Mérito Profesional, o Premio á Labor de toda unha vida e foi galardoada coa Encomienda Nacional Galo de Barcelos. Recoñecementos que fan gala da calidade da súa cociña, porque Mesón do Campo xa se converteu nun dos restaurantes de referencia da provincia de Lugo.

www.mesondocampo.com