NORDÉS GIN: Xenebra con sabor a Galicia

nordés gin

Nordés Gin: Xenebra  con sabor a Galicia

O vento frío que sopra procedente do norte e do leste en Galicia dá nome a tres produtos elaborados en Vedra (A Coruña). Xenebra, vodka e vermú con personalidade e aromas galegos. Son as creacións que nacen na empresa Atlantic Galician Spirits.

Coñecedores do proceso de destilación e da calidade da materia prima, Xoan, Juan Luis e Pepe non o dubidaron. Tiñan os ingredientes e só faltaba traballalos e mesturalos para crear un produto único e diferente. Xoan Cannas, co-propietario do restaurante Pepe Vieira en Camiño da Serpe; o bodegueiro Juan Luis Méndez de Vía Romana; e Pepe Albela de Aguardientes de Galicia uniron a súa experiencia para traballar durante dous anos na investigación e desenvolvemento dun produto único. Atoparon a fórmula idónea e no ano 2012 lanzaron ao mercado Nordés Gin. “É un produto diferente e especial polas materias primas coas que traballamos. É sutil e fácil de beber”, explica Pepe Albela.

nordesia01A xenebra obtense a partir de destilación de viño albariño e un proceso de maceración con herbas tradicionais autóctonas coma o loureiro, a herbaluisa, a salicornia, a menta… Albela cóntanos que o sabor a loureiro é unha das principais características desta xenebra elaborada no val do Ulla: “é unha xenebra agradable e aromática obtida a partir dun destilado vínico  macerado con quince herbas diferentes.”, explica Albela. “Tiñamos as materias primas e en Galicia sabíase destilar, tan só faltaba dar o paso que nós demos”, engade. Albela conta ademais cómo foi a saída ao mercado: “a verdade é que foi todo un éxito tanto o produto como a imaxe encaixaron á perfección”.

Tralo éxito de Nordés Gin, dende a destilaría de Vedra, preto de Compostela, deciden apostar por outro produto diferente: o vodka. Coa mesma filosofía de aproveitamento da materia prima autóctona, este vodka elabórase a partir das patacas da terra. De igual forma que os tradicionais vodkas polacos, pero neste caso o Nordés Vodka nútrese do almidón da pataca autóctona. Os seus creadores decidiron apostar, unha vez máis, por unha bebida diferente e cunha marcada personalidade.

“Nordés Gin é sutil e fácil de beber”

 

Xenebra, vodka e vermú elaborados en Galicia con materias primas autóctonas

Seguindo a mesma liña de traballo e baseándose na potencialidade dos produtos autóctonos estes tres empresarios lanzan a finais do ano 2013 un vermú branco e tinto: Nordesía. Elaborado a partir de viños galegos, o albariño e o mencía, Nordesía é un vermú tamén diferente e único, macerado con herbas existentes en Galicia, como o loureiro e o sabugueiro.

Hoxe xa exportan a quince países. Nordés Gin, Nordés Vodka e Nordesía están presentes na maioría de Europa e tamén en Sudámerica, principalmente en México, Brasil, Colombia e Cuba. Durante o ano 2013 as vendas superaron as 150.000 botellas de Nordés Gin, 20.000 de Nordés Vodka e nos tres últimos meses do mesmo ano, preto de 30.000 botellas de vermú Nordesía.

nordesia nordés