Foi pioneiro na recollida de setas nas Pontes. Tamén no seu consumo e na súa divulgación. Pepe Guerreiro leva case corenta anos vinculado ao mundo da micoloxía. Recorda que a mediados da década dos anos 70 comezou a consumir setas e escoitar falar delas a través de varios amigos vascos e cataláns. “Aquí había un catalán, Simón, que acabou na empresa Calvo Sotelo e Pedro Valero, de orixe castelán, os dous consumían níscalos nos anos 50”, conta Pepe, “pero daquela non crearon escola, non era fácil”.
Malia que o outono é a época de “maior cantidade e variedade” de setas no monte, Pepe Guerreiro lembra que a primeira vez que recolleu setas foi no verán: “a primeira vez que saín ao monte foi cun vasco, pediume que o levara a unha fraga no mes de agosto. Collemos a russula virenscens, coñecida como seta de cura”.
Así foi como se iniciou no mundo da micoloxía. As primeiras saídas fíxoas coa Asociación Micolóxica Viriato: “os sábados saía con eles a collelas en Cabanas”, lembra. Anos máis tarde decidiu con outros compañeiros tamén afeccionados á recollida de setas crear a Agrupación Micolóxica Poupariña das Pontes. Con ela naceu tamén a idea de divulgar o consumo de setas na comarca: “propuxemos facer unha semana micolóxica e unha feira pensando en fomentar e dar a coñecer as setas e o seu consumo”, explica Pepe. Dende aquel primeiro momento souberon que era importante comezar polos colexios.
No ano 1989 celebrouse a primeira feira das setas nas Pontes, impulsada pola Agrupación Micolóxica Poupariña e a Asociación Viriato de Cabanas: “desa primeira feira pensamos que a mellor idea era involucrar aos nenos e convocamos un concurso de debuxos que comezou no segundo ano. Co debuxo gañador facíase o cartel”, explica Pepe. “O máis importante non era a degustación, o máis importante estaba na actividade formativa promovida polos mestres”, conta Pepe, “ademais fíxose un curso para os mestres impartido por biólogos do Centro de Investigacións de Lourizán”.
Malia que a Agrupación Micolóxica Poupariña xa non ten apenas actividade, Pepe Guerreiro recorda que comezaron con máis de cen socios: “cada fin de semana saiamos vinte persoas e había unha afección tremenda, acompañada da actividade nos colexios”, explica, “hai poucos sitios así, coma As Pontes, cunha actividade micolóxica única”. Os conferenciantes e os biólogos que asistían nos primeiros anos da feira quedaban abraiados, “asombrábanse da incrible cola que había para comer setas”, recorda cun sorriso. “Na nosa zona a cantidade de afeccionados é moi significativa e tamén o nivel de coñecemento”, apunta.
Normativa e recollida
Sendo un dos manxares típicos do outono en Galicia e cunha crecente demanda, facíase necesaria unha regulación para a recollida de fungos no monte galego. “A Xunta aprobou unha normativa para que sexan os propietarios dos montes quen explote a riqueza micolóxica das súas propiedades”, explica Pepe, “nas zonas acoutadas hai que ter permiso para coller setas e non tería límite, no resto serían 2 quilos diarios”. Para este experto en micoloxía “a Xunta debería ir máis alá e non dar satisfaccións electorais. Debería fomentar a plantación de árbores micorrizas e contemplar os aspectos ambiental e ecolóxico do fungo”. Pepe Guerreiro apunta á lei italiana como un referente neste aspecto e explica “non se pode dar igual tratamento a unha micorriza, como a boletus ou o níscalo, que se comercializan masivamente, nas que a reprodución é mais complicada que á lepiota, por exemplo, que non necesita unirse á árbore e na que a reprodución é máis sinxela”. “A lei italiana contempla o acotado, é dicir, contempla cando hai unha inversión en árbore micorrizada. Onde non houbo inversión non é propiedade do dono do monte, igual que non o son nin unha perdiz, nin unha lebre”, explica Pepe. Engade ademais que quizais habería que contemplar o que se fai nalgunhas zonas de Estados Unidos: “alí sulfátanse os viveiros con esporas de fungos buscando a micorrización. A árbore medra máis, produce mellor froito e ten menos enfermidades”, conta Pepe.
Á ausencia dunha normativa máis estrita únese o problema da esquilmación en moitos montes galegos. “Hai que ter en conta”, di Pepe, “que ao arrancar a boletus, por exemplo, pode vir o fungo tamén. A seta é o aparato reprodutor e o fungo está debaixo da terra, se permanece para o ano volverá a producir”. É a divulgación e a formación nas escolas a que fai posible que se coñeza a bioloxía dos fungos e así poder seguir cultivando una afección que tanto nas Pontes coma na comarca se pasa de xeración en xeración.
Por iso Pepe Guerreiro tamén apunta as claves para saír ao monte en busca de setas: “unha seta hai que distinguila primeiro pola súa morfoloxía, polo seu olor, pola época do ano na que estamos e tamén polo hábitat”. Son as pautas básicas para evitar as intoxicacións: “a xente non é consciente do perigo que pode ter consumir unha seta que non é comestible”, explica Pepe. Deixar a un lado o saber tradicional e identificar cada exemplar é fundamental para levar as setas do monte ao prato.