A suma das tres palabras rei-zen-tolo ademais de facer referencia ás místicas covas da Mariña representa os tres estamentos de toda sociedade: “o que manda, o monxe e o tolo, que ven sendo o artista”. Así o conta Salva Vázquez, un dos creadores de reizentolo, hoxe en día todo un símbolo da cultura galega.
No ano 2003 tres amigos deciden crear unha liña de camisetas con deseños vinculados á cultura galega. Son as orixes da empresa reizentolo: “na porta do Camiño en Santiago atopámonos dous colegas máis eu”, conta Salva Vázquez, “eu facía Historia da Arte, e un amigo de toda a vida, e un amigo del, que fixeran Belas Artes en Pontevedra, nos poñemos a falar á hora de comer de arte e a iso das cinco da mañá acabamos falando de crear unha especie de sociedade artística para vender obras de arte. Filosofando chegamos á idea de que ninguén visita os museos e pensamos que en lugar de facer unha serigrafía nun papel e vendela nun museo, o que iamos facer é facela en camisetas, sacala á rúa, e vendela a prezos accesibles”.
O seu lema aséntase sobre tres piares: “galeguidade, creatividade e universalidade”
O humor, a ironía e, sobre todo, a retranca galega son os seus sinais de identidade. Pero ademais reizentolo constrúese sobre o lema de “galeguidade, creatividade e universalidade”. O proxecto xorde en Galicia, sendo a creatividade a súa razón de ser e buscando, tamén, que os seus traballos traspasen fronteiras.
Conta Salva Vázquez que nun principio quixeron seguir o modelo que iniciara Sargadelos: “é dicir”, explica, “coller algo digamos cultural, adaptalo a unha estética non só para vender en Galicia, senón para vender en todo o mundo, sempre baixo un punto de vista atlántico, e intentar así exportar a nosa idea de Galicia”. Buscaban unha estética máis moderna “a xente da nosa idade, cando comezamos tiñamos 23 anos, viamos todo un pouco anticuado, había excepcións, como Sargadelos, que xa tiña unha imaxe moi marcada, recoñecible e chula, pero non había un produto que puideras vir a Galicia, mercalo e logo poñelo”, engade. Con esa idea de crear un produto galego comezaron a vender camisetas na Praza do Obradoiro en Compostela: “estivemos catro semanas e vendimos unha camiseta. Mercouna un noruego que estaba de Erasmus e recoñeceunos que nos mercou a camiseta porque lle dábamos pena”, recorda entre sorrisos.
Unha marca cargada de humor, ironía e, sobre todo, retranca galega
De vender as súas creacións en feiras, festas e festivais pasaron a abrir a súa propia tenda en Pontevedra. Hoxe en día contan con oito tendas reizentolo en Galicia e outros seis puntos de venta noutras tendas. “Tivemos tendas fóra de Galicia ata o ano 2010. En Madrid, Barcelona, Bilbao e Ibiza, pero coa famosa crise decidimos recuar porque a expansión ía demasiado rápido para nós, non tiñamos daquela a estrutura que temos agora. Decidimos pechar e centrarnos en Galicia e o que facemos fóra é distribuír a tendas. Proximamente comezaremos de novo a expansión”, conta Salva. O universo reizentolo tamén o atopamos na web www.reizentolo.es, dende onde se poden mercar todos os seus produtos.
Ademais de orixinais e divertidas camisetas, realizan todo tipo de deseños en téxtil, cuncas, fundas de ipad, pulseiras, lámpadas, cadernos… reizentolo traballa tamén como axencia de deseño: “traballamos facendo as creatividades dos bricks a Feiraco, por exemplo, e outros deseños que nos piden como unha cunha ou un delantal para as festas do Carme, ou calquera outro encargo personalizado.
Dos tres mozos que comezaron a aventura continúan á fronte Salva Vázquez e Pablo Rodríguez. Con eles outras vinte persoas completan o equipo tanto de deseño, como nas franquicias, no taller e no almacén. “O que fixemos estes anos foi intentar asentarnos, todo foi moi rápido para nós e foron anos complicados. Agora estamos en disposición de intentar dar un empurrón e volver a abrir fóra e ampliar a distribución”, explica Salva.
Esta filosofía zentola reina tamén na Taberna Zentola que crearon nas súas oficinas do centro histórico de Pontevedra: “un dos primeiros clientes de deseño, agora máis que cliente é amigo, quería o local. Tiñamos unha situación privilexiada e para nós, para deseñar, non era bo sitio”, conta Salva. Deseñaron para eles a imaxe corporativa e hoxe é unha taberna zentola. “Estamos facendo o proxecto para quen queira coller unha taberna poda franquiciala”, explica.
A empresa galega continúa apostando pola creatividade, innovando e manténdose fieis á estética que comezaron hai máis dunha década cando deseñaron a exitosa camiseta dos pementos de Padrón, “quixemos deixar de facela varias veces, pero a xente segue pedíndoa”, apunta Salva.