Vanesa Cebreiro – «As mans non esquecen»

Vanesa Cebreiro As Mans non esquezen

Vanesa Cebreiro

Continuamos a busca dos instantes decisivos de diferentes fotógrafos e nesta ocasión descubrimos a mirada de Vanesa Cebreiro.

Unha imaxe cargada de historia. Da historia dun proxecto persoal de Vanesa Cebreiro: “quero contar a través de fotografías como é o día a día dunha persoa anciá que, neste caso ademais, padece a enfermidade de Alzhéimer”. Vanesa busca achegar aos espectadores a realidade desta enfermidade a través das súas fotografías, “tócame de cerca esta enfermidade xa que se trata do terceiro familiar que a padece”, conta.

A imaxe reflicte o paso do tempo: “pode apreciarse claramente a súa textura grazas a utilización de grandes contrastes, esas engurras e mans inchadas, produto da enfermidade que reduce a mobilidade, o branco e negro da propia imaxe para resaltar máis se cabe o dramatismo, a posición das mesmas mans, unha vida cargada de duro traballo”, explica.

A natureza e os retratos, “sobre todo de nenos pola súa espontaneidade” son as súas temáticas preferidas. Vanesa formouse en Laboratorio de Imaxe e en Deseño e Produción Editorial e está comezando o seu camiño no campo da fotografía: “considero que aínda me queda moito que aprender, que isto só é o comezo”. Agarda que “pouco a pouco vaian saíndo proxectos novos para darme a coñecer e ir aprendendo dos verdadeiros profesionais”.