Hai unha década creouse o Instituto Galego do Viño para estender a formación vitivinícola e achegar á sociedade o coñecemento do viño. Hoxe en día sumilleres, viticultores, enólogos e bodegueiros comparten os seus coñecementos e a súa paixón polo viño. Quixemos saber máis sobre esta institución e conversamos co seu director, Xoán Cannas.
- Gustaríanos coñecer o Instituto Galego do Viño, cando e por que nace?
- No ano 2010, xurde en nós esta idea do Instituto Galego do Viño baseada no modelo e ideas da Bauhaus alemá, coa idea de promocionar e democratizar o mundo do viño en Galicia.
- Cal é a súa función?
- Naceu para vincular e comprometer ao viño coa cultura e o humanismo, ser o enlace entre este e a sociedade a través da formación rigorosa e especializada, abarcando tódolos aspectos que conforman o sector vitivinícola, axudando a crear unha economía sostible, o famoso enoturismo, rede de negocio a carón de proxectos vitais, revitalizando o rural, fixando poboación e dotando de industrias punteiras ilusionantes e sensibilizadas co noso medio ambiente.
- Qué representa o Instituto para o sector do viño galego?
Unha nova voz composta por unha rede de profesionais, que é símbolo das excelentes relacións que nos unen, onde grazas ao intercambio de coñecemento, de ideas, de cultura, de ciencia, que fortalecen os nosos lazos de traballo en común, estamos a crear ese necesario impulso moral colectivo co que se pode e se debe facer do sector vitivinícola en Galicia un sector ilusionado e motivado, cheo de vida e de pensamento; cheo de ideas que merezan a confianza dos clientes; de proxectos que acheguen e conquisten incluso aos máis esixentes.
- Cal é a situación do sector na actualidade?
- É dunha importancia tal, que escapa a unha simple cuantificación material. Falamos de máis de 500 adegas, que constitúen un gran recurso que conleva ademais unha enorme repercusión en aspectos clave para o desenrolo dalgunhas áreas, desenvolvemento sostible no rural, fixación de poboación, abandono de cultivos, conservación do medio ambiente, erradicación do feismo, enoturismo cos seus servizos asociados, proxección exterior de Galicia cun gran produto ligado a un territorio concreto e inimitable que ademais posúe unha gran capacidade de crecemento en todos os aspectos, conceptual, servizo, viticultura, elaboración, comercialización, comunicación, etc.
- Se tiveses que definir o viño galego no seu conxunto, como o describirías?
Os nosos viños son frescos e orixinais, expresan a súa orixe con nitidez e forza, plenos de axilidade e versatilidade, son un sopro de brisa fresca atlántica ou de aire puro de montaña, sempre vibrantes, singulares, sensuais, auténticos.
- Como está o sector en Galicia en relación ao resto de España? E con relación a Europa?
Nalgúns aspectos creo que estamos a vivir un momento moi doce, aínda que na formación, aspecto clave, hai moitísimo por facer. A nosa calidade non é froito da improvisación, senón da vontade decidida dun puñado de homes e mulleres que quixeron dar un paso adiante, apostando ademais de por un compromiso claro e decidido coa calidade, pola auténtica riqueza dunha rexión, a garantía de desenrolo e futuro en termos vitivinícolas: o seu patrimonio xenético, a riqueza, variedade e calidade das súas distintas cepas, asentadas polo tempo e a tradición humana o longo da súa historia. Poucas zonas teñen hoxe o potencial e a gran diversidade de variedades autóctonas de Galicia, o que unido a nosa particular estruturación do terreo, minifundio, dá lugar a viños diferentes, únicos, dotados de gran personalidade e carácter propio.
- En que situación se atopa Galicia dentro do mercado do viño e cales cres que son as perspectivas de futuro?
- Esta é unha pregunta sumamente interesante, tal vez deberíamos plantearlla a Conselleira… Na miña opinión somos unha bagoa na choiva… Ollemos ao noso sector con serenidade, obxectividade e sabedoría. Recoñezamos as súas luces e as súas sombras, e aprendamos de todas elas. O caudal de progreso que temos conseguido co empuxe de todos, especialmente nos derradeiros anos é incrible. Sintámonos pois orgullosos do moito e bo que xuntos temos feito, pero sexamos tamén conscientes do camiño por percorrer, de cómo imos facelo e qué lugar ocupa a formación en todo isto.
Desgraciadamente non existe en termos vitivinícolas unha marca ”Galicia”, nin se tratou nunca de construír ou crear unha imaxe de marca vinculada á excelencia, moitas veces dá a impresión que institucionalmente camiñamos polos mercados coma polos sen cabeza.
- A finais de febreiro celebrouse a primeira edición do Atlante Wine Forum en Vigo, unha xornada de traballo e formación dirixida aos profesionais do sector, cal é a valoración?
- Sumamente positiva. Tivemos por primeira vez en Galicia a oportunidade de debater con algunhas das persoas mais relevantes do viño a nivel mundial. Escoitar leccións maxistrais, reflexións lúcidas que alentan o ánimo de saber para comprender. Fomos testemuñas aquí de palabras valiosas, sinceras e comprometidas. Escoitei—escoitamos todos—, algunhas veces incluso en medio dunha profunda emoción, ensinanzas e ideas que de seguro marcaron e enriqueceron as vidas de moitos dos alí presentes.
Os asistentes, son hoxe conscientes, de que os seus descubrimentos, ideas e logros, serán o resultado da colaboración e o entusiasmo compartido, e os desexos de facer novos proxectos, que paralelamente, moitos deles, irán encamiñados a preservar o medio ambiente, a mellorar e facer máis limpo e sostible o rural.
- Que outras accións se levan a cabo dende o Instituto?
O Curso Profesional de Sumiller, unha sorte de “Master do Viño”, e o Curso de Especialización de Barman Profesional, dende onde formamos mentes independentes, con criterios propios e mentalidades abertas, espertas ao sinfín de posibilidades que ofrece o mundo do viño en Galicia.
Vimos tamén de pechar a finais de abril, a V edición dos Premios Magnum, onde se agradece e rende homenaxe aos que se sacrifican en busca da excelencia por unha Galicia mellor, aos que se apoian na forza dos soños e as ilusións, convencidos de que non hai nada que a coraxe e o corazón non poidan conseguir plenamente, aos que procuran non caer na tentación de ir cara o fácil, de ceder á banalidade, á impaciencia ou ao desánimo.
O xurado e os premiados son o máis grande patrimonio destes Magnum. Son persoas e institucións convencidas de que con valentía, con honradez e con xenerosidade, pódense alcanzar as metas máis difíciles. Son, en fin, persoas e institucións que viven entregadas e comprometidas. Nós recoñecemos os seus méritos e o valor do seu traballo.