É un dos actores e cómicos máis coñecidos en Galicia. Dende seu papel de Mucha, das Cantareiras de Ardebullo, Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) interpretou numerosas personaxes tanto no teatro, coma no cine e na televisión. Agora volve aos escenarios cun novo espectáculo xunto ao seu amigo Marcos Pereiro: Agora en serio. Conversamos con el para falar da súa traxectoria e dos seus proxectos.
- – Hoxe non hai galega nin galego que non coñeza a Touriñán, pero xa levas anos traballando como actor… cómo foron os comezos?
– Os comezos no teatro foron con Marcos Pereiro. Estudábamos os dous na Universidade Laboral e aí empezamos a facer teatro. Xa o fixera na escola pero pasábao fatal. Un día un amigo dixo de montar algo para as Letras Galegas hai 15 anos e desde ese día esta historia converteuse no meu traballo. - Como recordas a túa primeira experiencia como actor profesional?
- A primeira cousa importante que fixen foi unha serie pero, a verdade, foi un desastre. Gravamos trece capítulos e debe ser das poucas series da Televisión de Galicia que non volveron a botar nunca máis, nin repetila. Supoño que estaba bastante mal e como actor foi complicada. Ata pensei en se me compensaba isto.
- E cómo un licenciado en Filoloxía Galega e Portuguesa remata enriba dos escenarios?
- Mentres íamos facendo bolos e actuacións eu estudaba, como todo bo fillo ten que facer. Rematei a carreira porque os meus pais ben o merecían pero íame bastante mellor enriba do escenario que de mestre. Sempre teño tempo a volver.
- Sempre che interesou este sector? Poderíase dicir que de pequeno xa pensabas en ser artista?
- Para nada, non quería ser artista de pequeno. Dábame moita vergoña. Apuntábame a teatro porque xa tiña o “gusanillo” dentro, pero a verdade é que non o pasaba nada ben. Gustábame e gústame, e aínda o repito por se alguén me ficha agora: eu quería ser futbolista.
- Es un showmanda televisión, da radio, do teatro, do cine… con que medio te quedas?
- É complicado. O bonito do noso traballo é que cada día traballas nunha cousa: televisión, radio, cine, teatro… Son partes do noso traballo que fan que sexa tan “chulo”. Encántame a radio. Na televisión é onde máis traballo, e onde máis disfruto é enriba do escenario, diante do público, en directo. O teatro é moi divertido. O cine, cando o ves, sénteste moi orgulloso. Cada cousa ten o seu.
- Onde te sentes máis cómodo?
- No teatro, aínda que estou moi cómodo en calquera. Gústame o directo, a sensación de que o que botas xa non se pode cambiar e non vale repetir nin dicir: “saíume mal, imos volver a empezar”.
- Estás de xira xunto a Marcos Pereiro cunha comedia moi especial, cóntanos que podemos descubrir de Touriñán e de Pereiro en Agora en serio?
- É un espectáculo onde se nos pode ver como Touriñán e Pereiro. Ata agora sempre fixemos personaxes: Mucha e Nucha, cociñeiros… En Agora en serio, aparte de ver a toda esa xente, ves a Touriñán e Pereiro. Ímos contando cómo nos coñecemos, por qué decidimos dedicarnos a isto e as ganas que tiñamos de facer algo en serio, de ser actores serios aínda que nunca, ou case nunca, somos capaces.
- Botades en falta a Mucha e Nucha?
- Non botamos en falta a Mucha e Nucha para nada porque seguimos con elas. Hai temporadas que teñen máis traballo e outras menos. En Agora en serio, pechan o espectáculo. Non podemos vivir sen elas.
- O teu lema dis que é «rir para vivir»… cres que poderiamos vivir sen sentido do humor?
- É máis fácil vivir rindo que vivir sen ter sentido do humor. É moi necesario para poder vivir. Se non ris e non sorrís podes vivir, pero ten que ser moi triste.
- Como entende Touriñán o humor, mellor dito, que é para ti o humor?
- É unha actitude fronte á vida, non darlle tanta importancia ás cousas, buscar o dobre e triple sentido e enfocalo sempre dende o punto de vista cómico. Ás situacións máis tráxicas sempre se lle pode buscar o punto de vista cómico. O humor é un xeito de vivir.
- Es dos que cre que o humor ten límites?
- Penso que quen pon os límites é o que senta enfronte. O humor non os ten. Hai xeitos de facer humor que che poden gustar máis ou menos, pero quen ten límites é a propia persoa, marcado pola forma de ser, o sexo ou a súa procedencia.
- Na actualidade continúas en Land Rober, facendo pregóns, presentacións, monólogos… como se conxuga esta actividade profesional coa vida persoal?
- Teño pouco tempo para a vida persoal. É inxusto que os que máis o pagan sexa a xente que tes máis cerca. Intento conxugalo pero ás veces é complicado.
- Que proxectos tes xa en marcha?
- Traballar en Fariña, unha serie para Antena 3, acabar Land Rober a finais de xuño e volver en setembro, rematar con Agora en serio, que é co que estamos de xira agora e teño moitos proxectos pero non me gusta contar nada ata que están asinados os contratos. Máis adiante xa vos contarei máis.
- Supoñemos que para ti será unha sorte dedicarte a algo que realmente che gusta… sempre rematamos con esta pregunta: que consello ou consellos darías a quen está pensado en dedicarse profesionalmente á interpretación?
- Non son quén de dar consellos pero, se alguén se quere dedicar a isto ou a calquera oficio na vida, que realmente sexa o que quere. Non que busque un traballo para gañar un soldo. O que hai que ter é gañas, paixón e intentar divertirse.